- Acudiron á función alumnos de 3º e 4º da ESO de catro centros educativos
- A actividade foi promovida por Editorial Galaxia co gallo do Día das Letras Galegas
Valga, 31 de maio de 2018.
A obra de teatro “Anagnórise” reuniu esta mañá no Auditoiro Municipal a douscentos estudantes de 3º e 4º cursos de ESO do IES de Valga, o Aquis Celenis de Caldas de Reis e os institutos Macías o Namorado e Camilo José Cela de Padrón.
Asistiron á adaptación teatral da obra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, que correu a cargo dos actores Fran Núñez e Brais Iriarte, da compañía Limiar Teatro. “Anagnórise” é unha road movie que conta a historia de Nicolau, un mozo dunha vila das Rías Baixas que decide fuxir a Madrid facento autostop. A muller que o recolle, Xulia, ten máis que ver con el do que nunca podería imaxinar.
O espectáculo teatral discorreu no desguace ao que chega o coche de Xulia tralo fatal accidente que desencadea “Anagnórise”. Dous operarios comezan a desmontaxe do vehículo e cada peza remite a un momento da historia: dende a parada a tomar pulpo ata o derradeiro café en Madrid.
Esta historia de María Victoria Moreno xa era coñecida para os estudantes, que previamente traballaron coa obra nos seus respectivos centros educativos por iniciativa de Editorial Galaxia, editora do libro e promotora tamén da función teatral como unha sorte de experiencia cultural completa para os mozos.