- O proxecto permitirá ampliar a vía de servizo ata os 6 metros e habilitar unha senda peonil accesible de máis de 2 metros de ancho
- A intervención mellorará a seguridade viaria e a mobilidade peonil na contorna da igrexa parroquial

Valga, 6 de marzo de 2026.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron esta mañá a parroquia de Cordeiro para informar sobre o proxecto para a execución dunha nova senda peonil na vía de servizo anexa á estrada PO-548, unha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé da veciñanza. A intervención consistirá na ampliación da plataforma na vía de servizo situada na marxe dereita da PO-548, entre os puntos quilométricos 4'170 e 4'285, incrementando o ancho da calzada ata os 6 metros. Esta actuación permitirá garantir o cruzamento seguro de vehículos e habilitar un itinerario peonil accesible.
Neste ámbito construirase unha senda de formigón coloreado de 2,02 metros de ancho que mellorará a mobilidade peonil en condicións de seguridade e permitirá a conexión coa Igrexa parroquial Ademais, manterase o acceso ás parcelas privadas existentes mediante un pequeno camiño de servizo de 3 metros de ancho situado xunto á senda.
O proxecto tamén contempla varias actuacións complementarias, entre elas o retranqueo ou soterramento dalgúns postes de servizos, a execución de pequenos muros de contención de pedra para estabilizar os noiros e a mellora do sistema de drenaxe da vía de servizo mediante a instalación de novos colectores e a reposición de sumidoiros.
A actuación contará cun investimento de 176.000 euros e desenvolverase nun treito de aproximadamente 120 metros de lonxitude.








