Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actividade, organizada polo CIM e os concellos de Valga e Pontecesures, tivo lugar esta mañá con saída e chegada no CODI

- Os participantes recibiron unha camiseta conmemorativa, un chaveiro e o novo tríptico do CIM con información sobre os seus servizos

 Andaina8M 1

Valga, 8 de marzo de 2026.

A andaina “Camiñamos pola igualdade”, organizada conxuntamente polo CIM e os concellos de Valga e Pontecesures, conmemorou esta mañá o Día Internacional da Muller, unha data que enxalza a histórica loita das mulleres por acadar a igualdade en todos os ámbitos sociais e que pon énfase no camiño que aínda queda por percorrer para que este obxectivo se consiga.

Foron 150 as persoas que se inscribiron, non só dos dous concellos promotores, senón chegadas doutras vilas coma Dodro, Rois, Padrón, Rianxo, Vilagarcía ou Ames, entre outro.

Percorreron un traxecto de 13 quilómetro con saída e chegada no CODI, en Baño. Dende alí o grupo dirixiuse cara a Pontevalga para atravesar o Parque Irmáns Dios Mosquera e subir ata San Miguel. Alí enlazaron co trazado do Camiño Portugués en dirección a Pontecesures. Pasaron polo Miradoiro do Pino Manso, en dirección á prazuela, onde se estableceu un punto de avituallamento.

Despois retomaron a ruta pola beira do río Ulla cara a Porto e Campaña. A última parte da ruta, de dificultade media-baixa, discorreu pola Mina Mercedes e, xa de regreso cara o CODI, polo Carballiño.

Os inscritos recibiron como agasallo unha camiseta conmemorativa do 8-M, un chaveiro e tamén se repartiron os novos trípticos do Centro de Información á Muller, con información dos servizos que ofrece.

Andaina8M 2 Andaina8M 3

Volver