Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Entre as receitas que poderán degustarse estará un roliño frito de anguía con salsa de caña e pemento verde

- Na fin de semana, a furgoneta ubicarase na Praza Manuel Vicente Cousiño e o día 18 visitará o Concello e o Auditorio

FoodTruckRíasB

Valga, 5 de marzo de 2026.

Unha food truck do programa “Sabor Rías Baixas” estará durante tres xornadas en Valga ofrecendo petiscos gratuítos con produtos da terra. Trátase dunha iniciativa da Deputación Provincial e Turismo Rías Baixas para promocionar e poñer en valor as grandes festas gastronómicas que se celebran, durante o ano, nos concellos da provincia de Pontevedra, entre elas a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Na fin de semana do 14 e 15 de marzo a furgoneta, equipada con cociña, estará de 12:00 a 15:00 e de 18:00 a 21:00 horas na Praza Manuel Vicente Cousiño. E o mércores, día 18, regresará para ubicarse diante do Concello en horario de mañá e xunto ao Auditorio pola tarde. Todas as persoas que se acheguen poderán degustar petiscos inspirados nalgunhas das grandes celebracións gastronómicas da provincia. Unha destas receitas terá como ingredientes principais a anguía e a augardente de Valga. Tratarase dun roliño frito recheo de anguía cunha salsa de caña e pemento verde ecolóxico.

Ademais da Festa da Anguía e da Caña do País, o programa “Sabor Rías Baixas” promociona outras citas gastronómicas da provincia comao Lacón con Grelos de Cuntis, o Caldo de Mourente, Festa da Ostra de Arcade, do Requeixo e o Mel (As Neves), Festa do Choco (Redondela), Festa do Salmón (A Estrada), Festa da Troita (Ponte Caldelas), Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), Festa da Langosta (A Guarda), Festa da Vieira e o Albariño de Cambados, Feira do Viño do Rosal, o Carneiro ao Espeto (Moraña), Romaría da Tortilla de Laro e Festa da Empanada de Bandeira (Silleda), o Millo Corvo de Meiro (Bueu), Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova), Festa do Xamón da Cañiza, a Lamprea de Arbo, a Ameixa de Carril (Vilagarcía), Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra), o Marisco do Grove e a Feira do Cocido de Lalín.

Deste xeito, a Deputación e Turismo Rías Baixas non só inciden na difusión destas festas, senón que traballan para a desestacionalización do turismo na provincia a través da súa riqueza gastronómica.

FoodTruckRíasBaixas

Volver