- O xulgado valida integramente a liquidación do imposto realizada unha vez rematada a bonificación do 95%
- Bello Maneiro destaca que “Valga foi o único concello de Galicia en reclamar e agora ábrese a posibilidade para os demais
Valga, 7 de marzo de 2026.
O Concello de Valga vén de gañar un litixio á empresa concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, en relación á liquidación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) correspondente ao último cuadrimestre do ano 2023, cando xa vencera a bonificación do 95% da que ata entón se estaba beneficiando a empresa.
Esta vantaxe tributaria quedou suprimida o 18 de agosto de 2023, polo que o Concello remitiu a Audasa unha liquidación na que se reclamaba a cota íntegra do 100% do imposto correspondente ao período entre o 19 de agosto e o 31 de decembro de 2023. Isto supoñía un ingreso de 59.284’40 euros para as arcas municipais.
O recurso presentado pola empresa resolveuse o día 2 de marzo na sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Pontevedra, que desestimou as pretensións de Audasa e deu a razón ao Concello en todas as súas pretensións.
A sentenza deixa claro que Audasa “sabía perfectamente dende anos atrás” que no 2023 só se lle aplicaría a bonificación ata o 18 de agosto e non na totalidade do exercicio, polo que “cando se devengou o imposto a bonificación debía terse reducido xa proporcionalmente, atendendo ao seu período de vixencia e extinción”. Engade que “o Concello non aplicou retroactivamente” ningunha norma fiscal, senón que “se limitou a aplicar o réxime xurídico” que xa estaba establecido a comezos do ano 2023.
Deste xeito, o xulgado desestima o recurso de Audasa e confirma a liquidación realizada polo Concello e o cobro dos 59.284’40 euros á empresa.
Unha vez coñecido o fallo xudicial, o alcalde, José María Bello Maneiro, manifestou a “satisfacción” do goberno local por esta vitoria xudicial que “abre camiño para os demais concellos” polos que discorre a autoestrada. O rexedor subliñou que Valga foi, no seu día, o único concello das dúas provincias polas que pasa a AP-9 (A Coruña e Pontevedra) en presentar esta liquidación e a resolución do Xulgado de Pontevedra “abre agora camiño para que os demais tamén poidan cobrar integramente o IBI” correspondente a o período en litixio. “Valga defendeu os intereses de todos os concellos afectados”, conclúe Bello Maneiro.







