- Entre o sábado pola tarde e a madrugada do domingo as tarefas trasladaranse ás inmediacións da igrexa parroquial
- Empregan mimosa, margarita, carroucha e caraveis xunto con verdes como o mirto
Valga, 30 de maio de 2018.
Veciños de Cordeiro preparan dende hai semanas as tradicionais alfombras florais da festividade de Corpus Christi. Son máis de trinta as persoas que, divididas en dous grupos, participan na elaboración dos tapices e que comezaron polo mes de marzo a recolleita de flores de distintas cores e arbustos polos montes e fincas do municipio. Nestes últimos días, traballan a marchas forzadas para, entre a tarde do sábado e madrugada do domingo, realizar a ornamentación das alfombras no chan. Trátase dun proceso minucioso e no que se coida ata o mais mínimo detalle para que os tapices luzan impecables e esperten a admiración da veciñanza.
No local social de Barcia reúnese a diario un grupo formado por máis de vinte persoas, a maioría mulleres, que se encarga de confeccionar un tapiz de 400 metros de lonxitude e que partirá da sacristía e discorrerá pola estrada e pola zona arborada do adro. No mes de marzo comezaron a recolleita de mimosa, que conservan conxelada, e continuaron despois coas margaritas silvestres de cor amarela que medran nas leiras. Destas flores aproveitan a semente, que primeiro trituran e despois deixan secar, e tamén os pétalos.
Empregan tamén carroucha, que está en época de floración e recolleron polos montes da zona, e outras herbas silvestres como o fiuncho –ao que tamén chaman anís, polo parecido do seu aroma- ou o que denominan “té bravo”, con semilla entre verde e marrón. Pétalos de caraveis de distintas cores, mirto e tuya son outras das especies máis utilizadas para o recheo das alfombras. Nestes últimos días, os veciños afánanse precisamente en picar tuya e desfollar mirto.
Este grupo comezá a montaxe dos tapices o sábado pola tarde, cando trasladarán os materiais ás inmediacións da igrexa parroquial. Levan os motivos e ilustracións das alfombras xa debuxados sobre papel de envalar e bordeadas con cocos de eucalipto, grans de café ou garavanzos.
En paralelo, outro grupo duns trece veciños das aldeas de Castiñeiras, Carballa, Laxes, Torre e Casanova levan semanas preparando as flores para outra das alfombras que, partindo dende a porta principal da igrexa, percorrerá uns 73 metros pola zona do campanario.
O proceso que seguen é moi similar e tamén algunhas das prantas que empregan. Non faltan as margaritas amarelas, a carroucha, caraveis para dar colorido, mirto que están a desfollar nestes días, buxo e outras sementes. Recolectaron tamén flores de bálsamo, de cor amarelenta por unha cara e prateada por outra. É unha planta aromática que se emprega habitualmente para a auga de San Xoán e que medra nas beiras dos ríos, zonas de praia e nas marxes das estradas.
Dende comezos de maio están a preparar as flores e outros materiais coma o arroz tinguido. O domingo de madrugada será o momento da montaxe, cubrindo con flores as láminas de papel nas que xa teñen marcados e bordeados con cocos os debuxos da alfombra, que cada ano son diferentes.
Este grupo é o encargado este ano de dar a misa de Corpus, unha cerimonia cantada que dará comezo ás 18 horas do domingo, e levará o palio na procesión que despois percorrerá as inmediacións da igrexa con paradas nos tres altares que se decorarán no adro, na porta principal e nas cercanías do cruceiro.