Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Está protagonizado polo músico Pakolas e a ilustradora Laura Romero

- Poderá verse de balde unha vez rematado o desfile de Entroido e mentres o xurado delibera

Ecoralia canta

Valga, 19 de febreiro de 2026.

O Auditorio Municipal acollerá este domingo, coincidindo co desfile de Entroido, o espectáculo “Ecoralia canta, conta e debuxa”, a cargo do dúo formado polo músico Pakolas e a ilustradora Laura Romero.

Está baseado no libro “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, no que a personaxe de Coralia ensina á rapazada a importancia de consumir alimentos ecolóxicos para coidar o medio ambiente, combater o cambio climático e garantir o benestar animal.

Ecoralia, unha meiga moi nova que vive nunha extensa carballeira, protagoniza un espectáculo roqueiro no que se desvelan misterios mentres a música e os debuxos en directo acompañan contos e historias.

Os asistentes poderán gozar deste espectáculo a partir 19:00 horas, unha vez rematado o desfile de Entroido e mentres o xurado decide aos gañadores. A entrada é de balde!

Esta actividade forma parte do programa +Escénicas, da Deputación Provincial de Pontevedra.

Ecoralia

Volver