- Na primeira xornada os participantes coñeceron a algúns dos personaxes tradicionais do Carnaval galego
- As sesións continuarán ata o mércores en horario de mañá
Valga, 16 de febreiro de 2026.
As xornadas conciliación organizadas polo Concello para as vacacións escolares de Entroido deron comezo esta mañá no Auditorio Municipal con case unha vintena de inscritos que, nos próximos días, desenvolverán actividades lúdicas e educativas relacionadas co Carnaval e algúns dos seus personaxes máis coñecidos.
De feito, nesta sesión inicial, os participantes coñeceron a algúns dos protagonistas do Entroido galego, as súas historias e indumentarias, que ademais pintaron. O peliqueiro, o boteiro, a madama, o cabreiro, o felo, o galo ou a pantalla son algunhas das figuras ancestrais que protagonizan as celebracións de Carnaval en diferentes localidades galegas e que os cativos valgueses pintaron hoxe.
Despois, deixaron voar a súa imaxinación e, entre todos, deseñaron un disfrace propio.
As actividades, que se dirixen a nenos e mozos de entre 3 e 16 anos, continúan ata o mércores en horario de 10:00 a 14:00.








