- A necesidade de solo e a falta de man de obra cualificada foron algúns dos asuntos que se abordaron
- Case trinta representantes do sector asistiron á xuntanza anual de traballo organizado polo Concello
Valga, 5 de xaneiro de 2026.
O conselleiro de Emprego, José González, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde, José María Bello Maneiro, participaron este mediodía na xuntanza anual cos empresarios de Valga, á que asistiron preto de trinta representantes dun sector fundamental para economía local. A xornada tamén contou coa presenza da concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez; o secretario xeral de Emprego da Xunta, Pablo Fernández; e o delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera.
Extrugasa, Exlabesa, ODL, Comercial Dialsea, Transportes Jamardo, Electricidade Devesa, Montaxes Eléctricas Víctor Castiñeiras, Grupo Barton, Carpintería Valdeza, Transportes Touceda, Galival Music, Solucións Metálicas Jamardo, Distribucións Alfonso Lema e Serrerías Rodríguez foron as empresas representadas na xuntanza, na que se abordaron algunhas das principais problemáticas do sector. Outras compañías, como Urovesa e O Forno Garden non puideron asistir por compromisos de última hora.
O alcalde reiterou a necesidade de que Valga conte canto antes co novo parque empresarial para poder resolver o problema de falta de terreos para ampliacións e novos asentamentos. “As obras da subestación eléctrica que subministrará a ese futuro parque están rematadas, polo que xa contamos con esa ferramenta fundamental” para que o proxecto poida facerse realidade. Ademais, “como consecuencia do plan de ampliación de Urovesa, as empresas situadas na zona do Carballiño tamén quedaron case sen terreos, polo que tamén é necesario dotalas de máis solo industrial”, subliñou Bello Maneiro. O obxectivo do Concello é que “as empresas estean a gusto aquí, sigan medrando en Valga e contratando aos nosos veciños. Se apostan por Valga, nós seguiremos apostando por elas”.
Ademais do carencia de solo, outra das problemáticas que afectan ao empresariado é a dificultade para atopar persoal cualificado, para o que o conselleiro propuxo manter unha nova xuntanza cos empresarios para explicarlles as diferentes fórmulas ás que poden acollerse para formar traballadores.
Tanto o conselleiro coma o presidente da Deputación puxeron en valor o potencial industrial do concello. “Valga é referencia en canto a tecido empresarial”, apuntou Luis López.







