- A concelleira Malena Isorna, a presidenta da Sociedade Española da Camelia e o deputado Javier Tourís participaron no acto de inauguración
- A mostra itinerante atópase na zona exterior do Auditorio, composa por paneis que desvelan curiosidades sobre esta flor
Valga, 27 de xaneiro de 2026.
A semana da camelia en Valga quedou inaugurada esta mañá coa presentación da exposición “A camelia, flor de galegos e galegas”, unha iniciativa de carácter itinerante que pode verse ata o vindeiro 3 de febreiro nos exteriores do Auditorio Municipal.
Os concelleiros Manela Isorna e José Ángel Souto participaron no acto inaugural da mostra, promovida pola Sociedade Española da Camelia coa colaboración da Deputación Provincial. En representación destas dúas entidades estiveron a presidenta da SEC, Carmen Salinero, e o deputado Javier Tourís. Acompañounos Rosa Crespo, a presidenta de honra da asociación Albor, que celebra esta fin de semana a XVIII edición da Mostra da Camelia Bella Otero, tamén no Auditorio.
A exposición está composta de paneis con imaxes e textos que desvelan algunhas curiosidades sobre a camelia. “Para o Concello é un pracer acoller esta iniciativa”, que completa a terna de actividades que durante os vindeiros días converterán a Valga en capital da camelia, sinalou Malena Isorna referíndose á Mostra Bella Otero dos días 31 de xaneiro e 1 de febreiro e á exposición de pintura "Pintando entre camelias", de Rosa Crespo, que permanecerá no Auditorio ata finais de febreiro.
Carmen Salinero apuntou que esta exposición itinerante xurdiu na época da pandemia, cando por motivos sanitarios non podían celebrarse os habituais encontros de coleccionistas de camelias. “Non queriamos que a xente se olvidara desta flor”, tan vencellada a Galicia. A presidenta da Sociedade Española puxo en valor as 18 edicións da Mostra Bella Otero que se levan celebradas en Valga. “A asociación Albor e Rosa Crespo conseguiron que esta exposición sexa de Valga e para Valga, traballando con afeccionados locais e con flores cultivadas aquí. É moi reseñable o que se está a conseguir a nivel local en relación á camelia”.
Por último, o deputado Javier Tourís remarcou o importante papel que a camelia xoga na desestacionalización turística, “cos grandes xardíns que temos nas Rías Baixas. Por iso seguiremos apostando por esta flor”.
Tralo acto, as autoridades e o público asistentes realizaron un percorrido polos paneis e participaron nunha degustación de té de camelia elaborado na Estación Fitopatolóxica do Areeiro con brotes de follas desta árbore.







