- José Manuel Otero, Alberto Otero e Juan Jesús Santalla estiveron, en outubro de 2024, en varias localidades da Comunidade Valenciana
- Colaboraron nas tarefas de limpeza e prestaron axuda á poboación das zonas afectadas
Valga, 21 de xaneiro de 2026.
Os tres membros da agrupación de Protección Civil de Valga que, no outono de 2024, se desprazaron á Comunidade Valenciana para colaborar nas tarefas de axuda e rescate trala DANA acaban de ser recoñecidos polo Ministerio do Interior co distintivo honorífico de participación naquel dispositivo de emerxencias e seguridade.
Trátase de José Manuel Otero “Camaño”, responsable da agrupación, Alberto Otero e Juan Jesús Santalla, que formaron parte do continxente coordinado pola Xunta de Galicia para mitigar os danos, prestar auxilio á poboación e cooperar na recuperación das zonas afectadas polas inundacións. Os voluntarios valgueses desprazaron, ademais, un vehículo e un remolque de intervención con materiais de achique, excarcelación, iluminación e outros equipos.
Realizaron intervencións nas localidades de Alfafar, Paiporta e Picaña, consistentes en achiques en garaxes, baixos e ascensores, recollida de enseres e limpeza de rúas e medicións de gases, entre outras.
Con este distintivo recoñécese a súa “participación destacada” naqueles momentos tráxicos. “A intervención de todos os servizos de emerxencias involucrados na xestión dos efectos da DANA constituíu unha actuación sen precedentes, que puxo de manifesto as capacidades e profesionalidade dos servizos de Protección Civil e do conxunto das Forzas e Corpos de Seguridade”, destaca o Ministerio.







