Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O funcionamento segue a ser o mesmo, pero a solicitude, recollida e devolución das máquinas deberá facerse na nova ubicación

- Este sistema fomenta a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal, reducindo as queimas e emisións e tamén o risco de incendio

Trituradoras1

Valga, 13 de xaneiro de 2026.

O servizo de préstamo de máquinas trituradoras de restos vexetais traslada a súa base de operacións ao recinto do Punto Limpo. O Concello dispón dende fai anos de varias microtrituradoras eléctricas para o picado de restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras e ornamentais, viña ou restos de xardinería.

Ata agora este servizo funcionaba dende as oficinas municipais, pero esta semana produciuse o traslado ao Punto Limpo para unha maior operatividade, xa que se facilita a recollida e depósito das máquinas ao poder acceder directamente os vehículos ao recinto. Ademais, ofrécense alternativas para os veciños que non podían realizar a xestión polas mañás, posto que o Punto Limpo está aberto un día á semana polas tardes.

O horario do servizo será, polo tanto, o mesmo que o de apertura do Punto Limpo: os luns de 8:00 a 15:00 e os xoves de 14:00 a 21:00.

O préstamo das trituradoras é gratuíto e poden solicitalo veciños de Valga que dispoñan de composteiro no seu domicilio. Ten unha duración de tres días, pero o número de solicitudes por veciño é ilimitado, sempre deixado unha marxe dunha semana entre préstamo e préstamo para favorecer a rotación entre diferentes usuarios.

Deste xeito, o Concello fomenta a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal xerados no ámbito municipal contribuíndo a eliminalos do circuíto de recollida do lixo, a reducir o número de queimas e as emisións de CO2 á atmosfera e a minimizar o risco de incendio. Ademais, mediante o triturado obtense un produto de valor engadido para a compostaxe, xa que estes restos poden ser empregados como material estruturante.

Aquelas persoas que aínda non dispoñen de composteiro e queiran contar con un poden solicitalo, tamén de xeito gratuíto, nas oficinas do Concello ou no mesmo Punto Limpo. Con el contribuirán a unha mellor xestión dos residuos orgánicos xerados e poderán producir fertilizante natural para as súas hortas e xardíns. Actualmente hai máis de 1.000 composteiros domésticos distribuídos por Valga.

Volver