Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- “Temos grandes expectativas postas neste proxecto, xa que pode marcar un antes e un despois para Valga a nivel turístico”, sinala o alcalde

- As xestións realizadas ante outras administracións permiten que os fondos municipais se sigan destinando a asfaltados, saneamento ou abastecemento, entre outros servizos

ObraPortoPiñeiro2026 1

Valga,  8 de xaneiro de 2026.

A transformación da lagoa Porto Piñeiro e da súa contorna nun espazo de referencia para o esparexemento, o ocio e o turismo continúa coa execución, en paralelo, de tres obras: a creación dunha praia artificial, a construción dunha piscina e renaturalización da zona norte, e a continuación das sendas para peóns e ciclistas.

Dende que, no ano 2023, deu comezo este ambicioso proxecto de recuperación da antiga mina de extracción de arxila, son arredor de tres millóns de euros os que se teñen investido ou están en fase de execución. E todo isto sen comprometer a estabilidade das arcas municipais, posto que o Concello non tivo que aportar ningunha cantidade. O 100% destes fondos foron xestionados polo equipo de goberno ante diferentes administracións.

A primeira fase contou cun orzamento de 500.915’47 euros financiados pola Deputación Provincial. Habilitáronse os primeiros tramos de sendas ciclables e peonís na zona sur da lagoa, instalouse mobiliario urbano, creouse un parque infantil e plantáronse árbores froiteiras e outras especies autóctonas.

Entre 2024 e 2025 executáronse os traballos de colocación do peche de seguridade perimetral por valor de 366.188’60 euros e financiados pola Xunta e a Deputación.

Actualmente están en execución:

  • Creación dunha praia artificial, cun orzamento de 575.000 euros. Trátase de fondos do programa europeo Next Generation xestionados a través do xeodestino turístico Mar de Santiago.
  • Construción dunha piscina e acondicionamento dos terreos adxacentes: 902.000 euros da Deputación provincial
  • Construción de sendas para peóns e ciclistas no bordo da lagoa e renaturalización do espazo: 614.738’09 euros da Deputación Provincial.

Ademais, estase a xestionar unha nova subvención por valor de case un millón de euros, avanza o alcalde, José María Bello Maneiro, que sinala que esta “é unha obra na que temos postas grandes expectativas, xa que pode marcar un antes e un despois a nivel turístico para Valga”. Ao mesmo tempo, tería unha influencia positiva na economía local e no emprego, especialmente en sectores coma o comercial, hostaleiro e empresarial.

O rexedor destaca que “o equipo de goberno traballa arreo “para sacar adiante proxectos de futuro para o noso concello e, ao mesmo tempo, garantir os servizos básicos e mellorar a calidade de vida dos veciños”. A clave, continúa, é que “non gastamos nin un euro de fondos municipais, o que nos permite manter uns dos impostos máis baixos entre os concellos galegos e seguir executando melloras en saneamento, abastecemento, asfaltados ou alumeados”. Sen ir máis lonxe, acaban de adxudicarse obras de pavimentación de estradas por valor de máis de 360.000 euros e están a piques de contratarse melloras no abastecemento e no saneamento por máis de 108.000 euros.

“Nós somos os do si a Valga, e non os do non a todo”, afirma o alcalde. “Con traballo, dedicación e xestión, loitamos por todos aqueles proxectos que van en beneficio de Valga e dos valgueses e, o máis importante, sen comprometer as arcas municipais. Porto Piñeiro é o exemplo: de tres millóns de investimento, cero aportación dos orzamentos do Concello”.

ObraPortoPiñeiro2026 2 ObraPortoPiñeiro2026 3

Volver