- O presuposto recolle investimentos por valor de 3’2 millóns durante o vindeiro exercicio
- O Boletín Oficial da provincia publicou o pasado 2 de xaneiro o anuncio de aprobación definitiva
Valga, 7 de xaneiro de 2026.
O presuposto municipal para o exercicio 2026 entrou en vigor o pasado 2 de xaneiro. Nesa data, o Boletín Oficial da Provincia publicou o anuncio de aprobación definitiva do orzamento, contra o que non se presentou reclamación ou suxestión algunha durante o período de exposición ao público.
O orzamento foi aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación nunha sesión extraordinaria celebrada o 1 de decembro de 2025 e ascende a 9.167.972 euros no capítulo de gastos. Os ingresos representan 9.442.972 euros, co que se xera un superávit de duns 275.000 euros.
As contas destinan 3’2 millóns a investimentos reais. Entre eles atópanse actuacións coma melloras nos servizos de saneamento e abastecemento, continuación das sendas peonís ou a mellora de instalacións deportivas, reparación e acondicionamento de estradas municipais e outras obras nas distintas parroquias.
As principais partidas do capítulo de gastos son: seguridade e mobilidade cidadá (150.250 euros); vivenda e urbanismo (565.112 euros); benestar comunitario (1’2 millóns); medio ambiente (1’1 millóns); servizos sociais (1’2 millóns); fomento do emprego (749.249 euros); educación (535.150 euros); cultura (451.500); deporte (987.244 euros); comercio, turismo e empresa (365.273 euros); infraestruturas (626.393 euros); e servizos xerais (656.560 euros).







