Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os premios, que se entregaron onte na recepción aos Reis Magos, oscilan entre os 200 e os 100 euros para gastar no comercio local

- Tamén se entregaron outros nove vales de 50 euros a outros tantos participantes no certame

GañadoresConcursoNadal

Valga, 6 de xaneiro de 2026.

Tres colectivos veciñais de diferentes parroquias de Valga foron os gañadores do concurso de Decoracións de Nadal e Beléns Artesanais, convocado por primeira vez polo Concello co fin de promover a creatividade, dinamizar os diferentes núcleos do municipio e fomentar o embelecemento do espazo público durante as festas.

Os premios entegáronse onte, durante a recepción aos Reis Magos.

Os vencedores absolutos foron os veciños da Praza do Souto, en Pontevalga. O centro da súa composición era un belén artesanal no que as figuras estaban feitas de madeira. Na praza tamén detacaban unha árbore na que piñas pintadas de cores facían de bolas de Nadal, varios cervos feitos de madeira e con cornos luminosos, un boneco de neve de neumáticos reciclados e iluminacións e decoracións nas fachadas das viviendas.

O segundo premio recaeu na Asociación veciñal, cultural e sociodeportiva de Campaña, pola decoración do campo da festa. Unha gran árbore central era un dos elementos principais do proxecto, que tamén incluía iluminación na entrada do recinto, nas árbores e nos locais cultural e social. Un boneco de neve feito con neumáticos, un reno tamén artesanal e bolas e Nadal feitas con vellas farolas recicladas tamén formaban parte da composición. Esta completábana dous beléns, un no exterior da escola e outro na barbacoa.

O terceiro premio outorgouse á Asociación de veciños de Cerneira (Setecoros), que actuou en diferentes lugares da aldea, enxalzando algúns dos elementos patrimoniais máis singulares do lugar. Coma o cruceiro, o máis antigo que se conserva en Valga, iluminado por unha gran estrela; ou o lavadoiro, no que instalaron un nacemento artesanal feito con piñas, pallas, madeira e elementos vexetais. A auga que brota da fonte era o río que atravesaba o Belén. Por último, colocaron árbores de Nadal salpicadas pola aldea.

 

Os premios consistiron en vales de 200, 150 e 100 euros, respectivamente, para gastar no comercio local e un roscón de Reis.

Ademais, entregáronse outros nove vales de 50 euros e roscóns a outros tantos participantes:

  • Asociación de veciños de Raxoi: nacemento do Neno Xesús na fonte e decoración da contorna.
  • Asociación Asdivalu: Belén, luces e outra decoración de Nadal no CODI.
  • Familia Otero Lobato (Laxes, 20A): Alumeado de Nadal na vivenda e no xardín e portal de Belén.
  • Francisco Barreiro Martínez (Sixto, 28): Belén, iluminación e decoración da vivenda e parcela.
  • Miguel Santiago Meda (Devesa, 19A): iluminación na fachada da vivenda e no xardín.
  • Alba Serantes da Costa (Casal de Eirigo, 25B): Decoración e luces en peches, pasamáns, árbores e parcela e proxeccións na fachada do inmoble.
  • Franco Stölkli (Carballa, 32): Iluminación e motivos de Nadal en xardín e vivenda.
  • Mónica Álvarez e Raúl López (Carracido, 1): Decoración integral da parcela con iluminación, bolas de Nadal, estrelas de luz e grilandas decoradas a man.
  • Óscar Magariños Suárez (Castiñeiras, 3): Iluminación de xardín e vivenda.

O xurado tivo en conta os seguintes criterios: a creatividade, orixinalidade e vistosidade global da decoración; o deseño, montaxe e selección dos materiais empregados, dándose valoración especial ao uso de materiais reciclados, reutilizados ou de refugallo; a integración co entorno rural e respecto polo patrimonio; o uso de elementos tradicionais do Nadal galego; a limpeza, orde, harmonía e composición do proxecto expositivo; e a iluminación equilibrada para favorecer o aforro enerxético.

PrazaSoutoNadal CampañaNadal

CerneiraNadal

Volver