- Foron as peticións que lle expuxeron ao director xeral Antón Acevedo na xuntanza celebrada esta semana
- O alcalde agradeceu á Consellería de Política Social as aportacións que realiza para o CODI, CIM, axuda no fogar e outros servizos municipais

Valga, 25 de decembro de 2025.
Os asistentes á xuntanza de Nadal que esta martes se celebrou no Auditorio Municipal aproveitaron a ocasión para expor ao director xeral de Maiores algún dos seus anhelos e foron dúas as cuestións máis repetidas: unha residencia e un local propio para que os veciños máis veteranos de Valga poidan reunirse e desenvolver actividades.
En canto á residencia, tanto o alcalde coma o director xeral de Maiores, que asistiu ao acto en representación da Consellería de Política Social, confirmaron que ambas administracións levan tempo realizando xestións para que este proxecto poida converterse en realidade e que Valga poida contar cunha residencia para persoas maiores. "Estamos traballando conxuntamente coa Xunta e as xestións avanzan en sentido positivo", confirmou o alcalde, José María Bello Maneiro. O director xeral, pola súa parte, confirmou a boa sintonía que hai entre a Consellería e o Concello neste e noutros asuntos.
No que se refire ás actividades de envellecemento activo que se desenvolven en Valga, os participantes agradeceron a súa organización e resaltaron a importancia deste tipo de iniciativas para o seu colectivo. O que botan en falta é dispoñer dun local específico no que poder realizar os obradoiros de memoria, autocoidados e expresión artística, pero tamén outras actividades coma bailes ou partidas de cartas. O alcalde respaldounos nesa idea e indicoulles que realizará as xestións oportunas.
A xuntanza, na que ademais dos participantes nas actividades de envellecemento activo participaron tamén usuarios do CODI e da Aula CeMIT, rematou cun brinde de Nadal.







