Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e o presidente da Federación Galega de Fútbol asistiron á xornada inaugural no campo municipal de Baño

- A competición de benxamíns reúne hoxe a máis de 1.000 persoas e mañá dispútase a categoría prebenxamín

TorneoNadal1

Valga, 22 de decembro de 2025.

O campo de fútbol municipal de Baño acolle neste comezo de semana unha auténtica festa do deporte coa participación de trinta e tres equipos de Galicia e de Portugal na primeira edición do Torneo Internacional de Nadal, organizado polo Cordeiro C.F. A competición deu comezo esta mañá coa categoría benxamín e cun total de 17 equipos en liza e mañá continuará con outros 16 equipos prebenxamíns. En total, arredor de 530 rapaces concorren no campionato.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez e Álvaro Fernández achegáronse esta mañá ata as instalacións municipais para seguir o desenvolvemento do torneo. Alí compartiron impresións co presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, que acudiu acompañado pola directiva Silvia Cancela, e o presidente do Cordeiro C.F., José Ramón Seco, que se felicitou por ter conseguido “traer a Valga canteira de primeiro nivel, con equipos coma o Deportivo, o Celta ou os portugueses Braga e Vitória de Guimarães”.

O alcalde salientou que “é un orgullo para o noso concello acoller este torneo internacional con equipos punteiros”, un logro polo que felicitou á directiva do Cordeiro.

A organización conta tamén co apoio da Federación Galega que, na voz do seu presidente, puxo énfase “na importancia da promoción do fútbol base por parte dos clubs para que poidamos gozar de mañás coma a de hoxe, cunha gran asistencia de equipos e familias”. Foron máis de 1.000 as persoas que durante esta mañá se congregaron no campo de Baño, no que continúa a actividade pola tarde, ata a entrega de trofeos prevista para as 20:00 horas.

Ademais, máximo representante da Federación Galega quixo poñer en valor as “magníficas instalacións que ten o Concello de Valga, un feito que tamén anima aos rapaces a practicar deporte”.

 Na competición de categoría benxamín están a participar: CD Calasanz, Fabril FC, RC Deportivo, SD Compostela, Bertamiráns FC, RC Celta, SC Braga, Vitória SC (con dous equipos), Arosa SC, CIM Ferrol, Pabellón CF, At. Coruña, UD Santa Mariña, Xuventude Oroso, Pontevedra CF e Victoria CF.

No torneo prebenxamín de mañá estarán: CD Conxo, ED Val Miñor, UD Santa Mariña, CD Calasanz, dous equipos do Vitória SC, ED Barbadás, SC Braga, EF Lalín, SD Villestro, CIM Ferrol, Pontevedra CF, Victoria CF, Bertamiráns FC, AD Vila do Corpus e Xuventude Oroso.

TorneoNadal2 TorneoNadal3

Volver