- Os nenos entregáronlle cartas, contáronlle cales son os seus xoguetes favoritos e cantáronlle panxoliñas
- Alumnos do colexio Baño-Xanza xa falaran con el por videoconfencia a comezos desta semana
Valga, 18 de decembro de 2025.
Papá Noel nunca falta á súa cita cos nenos de Valga e esta mañá realizou un percorrido por algúns dos centros educativos do municipio para repartir caramelos, outras lambetadas e, sobre todo, ilusión. Pero non marchou coas mans baleiras, xa que moitos dos cativos aproveitaron para entregarlle as cartas nas que lle contan cales son os seus xoguetes favoritos para que llos deixe nos seus fogares en Noiteboa.
A visita deu comezo pola escola de Ferreirós e, un a un, Santa Claus foi pasando tamén por todos os colexios do CRA: Vilarello, Forno, Campaña, Chenlo e Xanza. Nalgúns deles recibírono con grandes festas, déronlle efusivos abrazos e incluso tocaron a súa campaíña, que sempre lles encanta aos nenos. Ademais, animáronse a cantarlle panxoliñas e outras cancións de Nadal.
Despois chegou a quenda dos máis cativos na Escola Infantil Municipal, onde tamén houbo moita ledicia aínda que non faltaron algunhas bágoas entre os pequerrechos.
Con esta visita sorpresa, todos os nenos de Educación Infantil dos colexios do concello tiveron xa contacto con Papá Noel, posto que os alumnos co CEIP Baño-Xanza participaron a comezos de semana nunha videoconferencia que conectou Valga con Laponia.
Agora, só queda esperar uns días a que Santa Claus e os seus renos fagan a súa maxia para repartir a morea de agasallos que lle pediron os nenos de todo o mundo.







