- “Esta actuación era urxentísima” para reducir o risco de atropelos, sinala o alcalde, que lembra que aínda están pendentes outras melloras na estrada nacional
- O semáforo, con botón táctil, tamén conta con luminarias para mellorar a visibilidade
Valga, 17 de decembro de 2025.
A seguridade viaria na estrada N-550 ao seu paso por Pontevalga, nas inmediacións da Casa do Concello, verase incrementada proximamente coa posta en servizo dun novo paso de peóns regulado por semáforo. Dende hai uns días estanse a executar as obras de instalación por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, tralas reiteradas peticións realizadas polo goberno local nos últimos anos.
O semáforo, que regulará o cruce dos viandantes dunha a outra marxe da estrada nacional, xa está colocado xusto fronte á Casa Consistorial. Conta cun botón táctil que, ao premer, dará prioridade aos viandantes e obrigará a parar aos vehículos que nese momento circulen pola vía. Tamén conta con luminarias que mellorarán a visibilidade do paso de peóns, que se pintará nos vindeiros días.
Unha vez se completen as obras, poñerase en servizo o semáforo, que funcionará de xeito independente ao existente na intersección que conecta a N-550 coa estrada provincial Baño-Martores.
O alcalde, José María Bello Maneiro, amosa a súa satisfacción por esta mellora, que “era urxentísima xa que a diario son moitas as persoas que acoden a realizar trámites ao Concello e cruzan sen ningunha seguridade, xa que teñen que aparcar na outra marxe da N-550”. De feito, para axilizar esta mellora ao máximo, o Concello xa deixou instaladas as canalizacións precisas cando, fai uns meses, se acometeu a mellora dos servizos nesta mesma zona.
Pero Bello Maneiro incide en que a actuación que se está a executar forma parte dun paquete máis amplo de obras acordadas entre o Concello e o Ministerio de Transportes para reforzar a seguridade na estrada N-550, pola que circulan milleiros de vehículos ao día, moitos deles pesados. “Agradecemos ao Ministerio que realice a obra, co pintado do paso de peóns e a colocación do semáforo, pero volvemos a reiterar o resto das demandas e esperamos que tamén sexan realidade cando antes”, engade.
Mellora de interseccións mediante rotondas, construción de novos tramos de sendas peonís e máis pasos de peóns son outras das melloras acordadas entre a administración local e a estatal.







