Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O responsable da agrupación, José Manuel Otero, recolleu a placa de prata o pasado sábado nun acto na Estrada

- Tres voluntarios valgueses estiveron, en outubro de 2024, prestando axuda nas localidades de Alfafar, Paiporta e Picaña

PlacaPCDana1

Valga,  15 de decembro de 2025.

A agrupación de Protección Civil de Valga vén de recibir un novo distintivo pola súa participación nas tarefas de axuda ás vítimas da DANA, en Valencia, no outono no pasado ano 2024. O acto tivo lugar o sábado na Academia galega de Seguridade Pública, na Estrada, e asistiron o responsable da agrupación valguesa, José Manuel Otero “Camaño”, outro dos voluntarios Juan Jesús Santalla e o concelleiro de Seguridade, Álvaro Fernández.

A distinción recibida supón un recoñecemento da Xunta de Galicia á agrupación valguesa pola súa contribución a mitigar os efectos catastróficos das riadas, prestando auxilio á poboación e cooperando na recuperación das zonas afectadas nas xornadas inmediatamente posteriores ás inundacións.

Foron tres os voluntarios que se trasladaron dende Valga á Comunidade Valenciana en outubro de 2024 como parte do continxente coordinado pola Xunta, desprazando tamén un vehículo e un remolque de intervención con materiais de achique, excarcelación, iluminación e outros equipos e materiais. Realizaron intervencións nas localidades de Alfafar, Paiporta e Picaña, consistentes en achiques en garaxes, baixos e ascensores, recollida de enseres e limpeza de rúas e medicións de gases, entre outras.

Durante o acto, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou a solidariedade, compromiso e o traballo en equipo que definen ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia, que son garantía dunha rápida e efectiva atención ás emerxencias. E, en concreto, sobre o traballo de cooperación que levaron a cabo en Valencia dixo que “todo o pobo galego sentiuse moi orgulloso”.

PlacaPCDana2      PlacaPCDana3

Volver