- O nacemento pode visitarse de xeito gratuíto de luns a venres pola tarde e os sábados e domingos tamén pola mañá
- Fóra deste horario, os grupos poden solicitar cita previa a través do teléfono 630 95 25 15
Valga, 14 de decembro de 2025.
O Belén Artesanal en Movemento recibiu nas dúas primeiras semanas máis dunha ducia de visitas concertadas fóra do horario habitual de apertura. Escolares, usuarios de entidades sociais, membros de asociacións, excursionistas e un grupo de refuxiados foron os protagonistas desta visitas, que se realizaron polas mañás e con cita previa.
Polo Belén pasaron, por exemplo, un grupo de 23 sendeiristas chamados “Os Merendainas”, a maioría de Noia e arredores, pero tamén con membros de Valga, Catoira ou Dodro. Foi o segundo ano consecutivo que visitaron o nacemento de Campaña, que foi tan só o punto de partida dunha ruta polo municipio que os levou tamén a outros lugares do municipio coma a praia de Vilarello, o Miradoiro da Perdiz, o muíño de vento ou a Mina Mercedes.
Tamén acudiron a ver a montaxe deste Nadal usuarios de entidades sociais coma Lar Pro Saúde Mental ou A Creba, alumnado de centros educativos de Boiro, Pontecesures e do CRA de Valga e excursionistas de diferentes localidades galegas en viaxes organizadas por diferentes axencias.
E, no peche desta semana, o nacemento recibiu a un grupo de refuxiados do centro de acollida de Valga, como unha das actividades integradoras que nas que participan. Acompañáronos representantes da ONG que xestiona o centro e a mestra de castelán, que lles explicaron o significado do Belén e o seu carácter artesanal, ao ser creado de forma altruísta polos propios veciños para celebrar o nacemento de Xesús, pero incluíndo tamén unha parte pagá que resume os acontecementos e personaxes de maior notoriedade de todo o ano.
Para a maioría dos refuxiados a tradición cristiá do Belén era descoñecida, xa que son musulmáns, pero “gustounos moito porque queremos coñecer cousas típicas e tradicionais” da terra na que están acollidos, explicaba trala visita Mahamadou, de Mali. Aínda así, tamén había no grupo algúns cristiáns, coma Emil, procedente de Guinea Conakry, que explicaba que no seu país tamén se montan Beléns, pero “nas igrexas”. O de Valga “encantoume e gustaríame visitalo de novo”, aseguraba.







