- A asociación Amigos do Belén instalou esta mañá dous nacementos no CHUS, un no hall de acceso e outro en Pediatría
- É o segundo ano que se leva a cabo esta colaboración, que ten unha gran repercusión entre os pacientes e os profesionais
Valga, 10 de decembro de 2025.
O Belén Artesanal non só trae o Nadal a Valga. Tamén o leva ao Hospital Clínico de Santiago no que, dende este mediodía, poden verse dúas pequenas réplicas do Belén de Valga: unha no hall principal do centro sanitario e, outra, na planta de Pediatría. Membros da Asociación Amigos do Belén traballaron durante toda a mañá nestas dúas montaxes, coas que queren felicitar as festas e transmitir forza a todos os pacientes, especialmente aos máis cativos que pasan hospitalizados estas datas tan ilusionantes para eles.
É o segundo ano consecutivo que Amigos do Belén colabora coa Obra Social Pediatría e co Hospital compostelano para adornar o recinto sanitario durante o Nadal coa representación do nacemento de Xesús.
A montaxe principal, a do hall de acceso, ten unhas dimensións de 4 metros de longo por 1’32 de ancho. Ademais do pesebre, onde María e Xosé acompañan ao neno e son visitados polos Reis Magos, tamén aparece representado o propio hospital, no que persoal sanitario pasa consulta e realiza intervencións cirúrxicas, un enfermeiro pon unha inxección a un paciente e algúns feridos chegan en ambulancia. Outras construcións e vivendas completan a escena, que inclúe movemento, iluminación e unha fonte da que brota auga. Traballos tradicionais do campo ou a vendima tamén teñen un oco neste pequeno nacemento, no que tampouco falta outro dos sinais de identidade do Belén Artesanal de Valga: os personaxes famosos, con Lina Morgan e Carmen Sevilla compartindo confidencias nun banco.
Na planta de Pedriatría pode verse unha montaxe de 2x0’80 metros máis orientada aos cativos. Nunha paisaxe nevada, o neno Xesús rodéase de personaxes infantís coma Pepa Pig, Doraemon, Pocoyó e Bluey e dalgunhas das estrelas da Selección Española de fútbol. Varios rapaces xogan nas randeeiras e balancíns dun parque e tamén aparecen figuras da tradición belenista coma os Reis Magos e Herodes, flanqueado por uns soldados no seu castelo. O movemento, ao igual que no caso anterior, actívase mediante un botón.
Juan González Lorenzo, subdirector de Humanización e Atención á Cidadanía do CHUS, achegouse a agradecer aos membros de Amigos do Belén, encabezados pola súa presidenta, Mari Carmen Castiñeiras, “que estean presentes por segundo ano no noso hospital. Para nós é unha ledicia contar coa colaboración cidadá e, especialmente, con iniciativas coma esta, que o pasado ano tivo unha repercusión tremenda entre o persoal e tamén entre os pacientes”. Tamén estiveron presentes as supervisoras e o equipo de enfermaría do servizo de Pediatría e Belén Mosquera e Mayte Augtrán, en representación da Obra Social Pediatría. Estas últimas foron as que, o ano pasado, solicitaron a colaboración do Belén Artesanal de Valga “para este proxecto tan fermoso, intentando que a maxia do Nadal tamén chegue aos nenos ingresados e ás súas familias”.







