- O alcalde e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo tamén asistiron ás actividades que se desenvolveron esta mañá
- Os usuarios proclamaron un manifesto, cantaron á esperanza e pintaron un mural reivindicativo
Valga, 3 de decembro de 2025.
O CODI estivo durante toda a mañá de festa, celebrando o Día Internacional das persoas con discapacidade, con actividades que reuniron nas instalacións do centro aos usuarios e ás súas familias e achegados. Tamén acudiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo, que quixeron participar nesta xornada festiva e de reivindicación.
Proxectouse un vídeo no que os usuarios proclamaron o seu manifesto, no que reclamaron respecto, integración e igualdade de oportunidades para demostrar as súas capacidades. Tamén nun ton reivindicativo, interpretaron a súa propia versión da canción “Color esperanza”, que nos últimos días prepararon nas sesións de musicoterapia. Elena foi a voz principal e todos os seus compañeiros fixéronlle os coros. Despois, todos os invitados participaron nunha merenda con chocolate quente e doces elaborados polas familias.
Para conmemorar esta data sinalada, ademais os usuarios pintaron un mural no que unha muller, de costas, mira ao mar. Decora un dos corredores do CODI e inclúe o lema “Como o mar, a diversidade adáptase, transfórmase e nas ondas atopa a súa beleza”. Ángeles Garrido, que imparte expresión artística no CODI, explica que con esta pintura quérese incidir na dobre discriminación que sofren as mulleres discapacitadas pero, ao mesmo tempo, resaltar a parte fermosa de amizade, superación e rexurdir que representa este centro para os seus usuarios.







