- O camión está equipado con dúas caixas, unha delas con catorce bocas para o depósito de cristais, aceite, bombillas, teléfonos ou pequenos aparellos electrónicos
- O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Fernández, foi o encargado de recibir hoxe o novo vehículo
Valga, 24 de novembro 2025.
O Concello acaba de recibir o Punto Limpo móbil co que se pretende dar un novo paso na xestión sostible dos residuos, achegando a recollida separada a toda a veciñanza, de xeito que non se vexan obrigados a desprazarse ata o Punto Limpo fixo para depositar determinado tipo de residuos que non deben botarse nos colectores distribuídos por todo o termo municipal.
Este Punto Limpo móbil está configurado por un camión 100% eléctrico e dúas caixas. A principal ten unhas dimensión de 2’6 metros de longo, 1’5 de ancho e 1’4 metros de alto, con estrutura metálica e con aberturas en ambos laterais para a introdución de residuos. Conta con catorce bocas selectivas, cos seus respectivos contedores, para o depósito de poliespan branco, espellos e cristais, aceite doméstico usado, filtros de aceite, roupa e calzado, fluorescentes, bombillas, pilas, móbiles e cargadores, toner de impresoras, siliconas, aerosois, pequenos aparellos electrónicos e pequenos restos metálicos.
Ademais, conta cunha segunda caixa auxiliar de aluminio, basculante e con baldas laterais, para a realización de diversas tarefas municipais.
Con esta adquisición mellorarase o servizo de recollida selectiva e achegándoo a todas as parroquias e núcleos do municipio, promovendo así unha maior implicación da cidadanía na separación de residuos. Ademais, terá un importante papel educativo e de concienciación, ao dar maior visibilidade á importancia da reciclaxe e da correcta xestión dos residuos, fomentando hábitos máis responsables e sustentables no conxunto da poboación.
Este servizo será complementario ao Punto Limpo fixo (que abre os luns pola mañá e os xoves pola tarde e no que os veciños de Valga poden empregar de xeito gratuíto) e tamén á planta de residuos da construción, á que se poden levar restos de obras.
O investimento realizado foi de 90.750 euros, cofinanciados entre o Concello e Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta, a través dunha orde para a concesión de axudas a entidades locais para actuacións en materia de residuos de competencia municipal.







