Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A praza Vicente Cousiño e o Edificio Administrativo acolleron diferentes actividades divulgativas

- A empresa La Canalla desenvolveu un obradoiro para dar unha segunda vida a prendas téxtiles mediante a estampación

DiaReciclaxe1

Valga, 15 de novembro 2025.

A xornada de onte estivo dedicada por enteiro á reciclaxe con diferentes actividades pensadas para concienciar aos valgueses sobre a importancia de reducir a xeración de residuos e separalos correctamente para posibilitar a súa reutilización.

A praza Manuel Vicente Cousiño e o Edificio de Usos Administrativos, en Pontevalga, foron os espazos nos que se desenvolveron as actividades enmarcadas nesta campaña que puxo especial énfase na reciclaxe de téxtiles, aceite de cociña usado e a compostaxe de residuos orgánicos.

Nas mesas informativas instaladas na praza ofreceuse información sobre a separación e reutilización destes tres tipos de residuos, con mostras de xabóns ou biodiesel feitos con aceite doméstico reciclado e tamén fertilizante natural obtido a través do método da compostaxe. Tamén se explicou como crear un vermicomposteiro para vivendas sen horta. Trátase dun pequeno composteiro de balcón a través do que xestionar a pequena escala os biorresiduos xerados no fogar e obter fertilizante para as macetas, por exemplo.

No interior do edificio administrativo estableceuse un percheiro de intercambio de roupa en bo estado e, pola tarde, desenvolveuse un obradoiro de estampación a cargo da empresa La Canalla. As persoas que se achegaron coas súas prendas puideron decoralas e darlles unha nova vida empregando diferentes técnicas.

Entre os veciños que se achegaron a participar nesta xornada continouse co reparto de embudos para facilitar a reciclaxe de aceite, imáns con información sobre separación de residuos, caldeiros para separar os restos orgánicos, entre outros agasallos.

Con estas actividades culminou a campaña divulgativa sobre xestión de residuos que o Concello desenvolveu nas últimas semanas.

DiaReciclaxe2 DiaReciclaxe4

DiaReciclaxe5 DiaReciclaxe3

Volver