- O seu uso pode ser solicitado por persoas que teñan nos seus domicilios un composteiro individual
- Foméntase, así, a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal, reducindo as queimas e emisións e tamén o risco de incendio

Valga, 13 de novembro de 2025.
O Concello vén de adquirir dúas novas microtrituradoras de restos vexetais coas que se reforzará o servizo de préstamo gratuíto aos veciños.
Trátase de máquinas eléctricas para o triturado de restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras e ornamentais, viña ou restos de xardinería. Foron subministradas pola empresa Berca Bran e tiveron un custo de 697’57 euros, dos que 518’85 corresponden a unha subvención da Consellería do Medio Ambiente, concedida a través dunha orde de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para implantación de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles, cofinanciada polo Fondo Europeo de Recuperación e Resiliencia da UE.
Deste xeito, dende o departamento municipal de residuos e compostaxe séguese a fomentar a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal xerados no ámbito municipal contribuíndo, deste xeito, a eliminalos do circuíto de recollida do lixo, a reducir o número de queimas e as emisións de CO2 á atmosfera e a minimizar o risco de incendio. Ademais, mediante o triturado obtense un produto de valor engadido para a compostaxe, xa que estes restos poden ser empregados como material estruturante.
Actualmente, o Concello dispón de catro trituradoras no servizo de préstamo, que está regulado por unha ordenanza municipal. O seu uso pode ser solicitado, de xeito gratuíto, por veciños de Valga que dispoñan de composteiro individual no seu domicilio. O préstamo ten unha duración de tres días, pero o número de solicitudes por veciño é ilimitado, sempre deixado unha marxe dunha semana entre préstamo e préstamo para favorecer a rotación entre diferentes usuarios.
Aquelas persoas que aínda non dispoñen de composteiro e queiran contar con un poden solicitalo, tamén de xeito gratuíto, nas oficinas do Concello. Con el contribuirán a unha mellor xestión dos residuos orgánicos xerados nos municipio e poderán producir fertilizante natural para as súas hortas e xardíns. Actualmente hai máis de 1.000 composteiros domésticos distribuídos por Valga, aos que hai que engadir dous centros de compostaxe comunitaria na Avenida da Coruña e na rúa Doutor de Oya Salgueiro e outros catro en grandes produtores de biorresiduos do municipio: o colexio Baño-Xanza, o hotel Corona de Galicia, a empresa Extrugasa e o restaurante Gran Barril.








