- Celébrase este venres durante todo o día na Praza Manuel Vicente Cousiño e no Edificio de Usos Administrativos
- Haberá puntos de intercambio de roupa e obxectos usados, obradoiros e mesas informativas

Valga, 11 de novembro 2025.
Con motivo da campaña sobre reciclaxe de téxtiles e aceite doméstico usado que o Concello desenvolveu durante as últimas semanas para concienciar sobre a importancia de separar estes dous tipos de residuos, Valga celebra o gran día da reciclaxe.
Terá lugar este venres, día 14, de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas na Praza Manuel Vicente Cousiño e no Edificio de Usos Administrativos cunha chea de actividades sobre reciclaxe.
- Percheiro de intercambio de roupa. Trae cinco prendas ou accesorios (camistas, vestidos, roupa infantil, bolsos, chaquetas, cinturóns...) que estean en bo estado, lavados e pranchados e que creas que lle poden gustar a outras persoas para o intercambio. Renova o teu armario sen gastar un euro e sen xerar residuos.
- Obradoiro de estampación de camisas e camisetas usadas (de 17:00 a 20:00 horas). Dalle unha nova vida ás túas prendas mediante a técnica da estampación.
- Zona de troco de obxectos usados.Trae obxectos que non uses (xoguetes, pequenos electrodomésticos, ferramentas, artigos decorativos...) e cámbiaos por outros dos que teñamos na zona de trocos.
- Mesa de concienciación sobre aceites usados de cociña. Con mostras dos produtos que poden facerse reciclando aceite doméstico usados (xabóns, biodiesel...) e información sobre a problemática dunha mala xestión.
- Reparto de embudos á cidadanía para facilitar a reciclaxe de aceite doméstico usado.
- Mesa de concienciación sobre reciclaxe de téxtiles. Con mostras e ideas do que se pode facer para que estes residuos non acaben no contedor do lixo.
- Mesa de compostaxe e biotrituración. Con información sobre a elaboración de compost a partir de residuos orgánicos. Con mostras de abono, estruturantes, té de compost... Falaremos sobre a vermicompostaxe e faremos exhibicións dunha biotrituradora.
- Reparto de imáns con información sobre a correcta separación dos distintos tipos de residuos.
A campaña divulgativa e de concienciación sobre reciclaxe de residuos téxtiles e aceite doméstico supuxo un investimento de 7.619'37, dos que 5.667’30 foron subvencionados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha orde de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para implantación de recollida semparada de biorresiduos, aceites de cociña usados e textiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE.
Ademais das actividades do Día da Reciclaxe, desenvolvéronse xornadas informativas en varias zonas do Concello, adquiríronse 1.000 funís e outros tantos imáns con información sobre separación de residuos para a súa distribución entre a poboación, xunto a outro material publicitario e promocional.








