- Equipárase así o número de profesionais de enfermería ao de facultativos
- Ampliaranse tamén os días de extracción para analíticas ante a importante demanda
Valga, 29 de maio de 2018.
O Centro de Saúde de Valga incrementará a partir da vindeira semana o seu cadro de persoal coa incorporación dunha especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria, polo que o centro pasará a contar co mesmo número de persoal facultativo e de enfermería, o que redundará nunha mellor atención aos pacientes e usuarios. A incorporación desta nova profesional especialista permitirá realizar actividade comunitaria, polo que as labores de prevención da saúde poderán desenvolverse tamén fóra do entorno asistencial.
Así llo confirmou a xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, ao alcalde nunha reunión que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello e que foi continuación doutros dous encontros celebrados en Santiago nos que José María Bello Maneiro solicitara diversas melloras no servizo que se presta no Centro de Saúde. Trala reunión no Consistorio, na que participaron tamén a concelleira Carmen Gómez e outros tres cargos da Xerencia, Eloína Núñez trasladouse ao propio Centro Médico para comunicarllo tamén aos profesionais.
No tocante ao persoal, proximamente producirase tamén unha renovación na atención pediátrica, xa que debido á xubilación do titular actual producirase a incorporación dun novo facultativo.
Ademais, verase ampliado o calendario de toma de mostras, polo que os doentes pasarán a ter tres días á semana (en lugar de dous) para a extracción de sangue para analíticas. Este incremento foi solicitado polo Concello ante a numerosa demanda coa que conta o servizo de extracción, para evitar a súa saturación e as esperas por parte dos pacientes.
O goberno municipal continuará xestionando outras melloras para o Centro de Saúde.