- Terá lugar o vindeiro venres, día 14, na Praza Manuel Vicente Cousiño, en Ponte Valga
- Unha mesa informativa estivo durante a mañá de hoxe no Centro de Saúde, repartindo embudos e concienciando sobre a separación de residuos
Valga, 7 de novembro de 2025.
A campaña para fomentar a reciclaxe de aceite doméstico e de roupa usada ou rota promovida polo Concello achegouse esta mañá ao Centro de Saúde, en Baño, para ofrecer aos usuarios deste servizo información sobre a correcta separación de residuos, en concreto destas dúas tipoloxías.
O obxectivo desta actividade, que nas últimas semanas xa pasou pola Avenida da Coruña e o Auditorio Municipal, é concienciar á poboación sobre o impacto negativo que o aceite de cociña usado e os residuos téxtil poden ter no medio ambiente e en servizos coma o saneamento ou o abastecemento. Tirar o aceite polo vertedoiro ou polo inodoro é unha práctica que debe desterrarse, xa que ademais da contaminación ambiental, causa danos nas canalizacións e depuradoras. Ademais, tamén urxe reducir a inxente cantidade de roupa e outros materiais téxtiles que acaban nos contedores, especialmente no de fracción resto.
As persoas que se achegaron a este punto recibiron de balde funís para facilitar a reciclaxe do aceite doméstico e imáns con información sobre a separación dos diferentes tipos de residuos e sobre o servizo que ofrece o Punto Limpo.
A campaña rematará o vindeiro venres, día 14, cun evento final na Praza Manuel Vicente Cousiño de Pontevalga. Incluíra un obradoiro de upcycling no que os veciños poderán estampar prendas que traian das súas casas. Tamén haberá mostras de reciclaxe téxtil e de produtos elaborados con aceite usado (xabóns ou biodiesel), así coma un apartado dedicado ao intercambio de prendas e de outros obxectos.
Outro apartado centrarase na compostaxe e nos beneficios deste sistema de reciclaxe dos residuos orgánicos.
As diferentes actividades desta campaña de concienciación que está a desenvolver o Concello supoñen un investimento de 7.619'37, dos que 5.667’30 están subvencionados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha orde de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para implantación de recollida semparada de biorresiduos, aceites de cociña usados e textiles, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE.







