- O evento busca concienciar sobre as novas formas de delincuencia na rede e ofrecer ferramentas para combatelas
- Obradoiros, conferencias ou concursos integran a programación deste encontro, dirixido a profesionais pero tamén ao público xeral
Valga, 7 de novembro de 2025.
Trinta usuarios da Aula CeMIT de Valga asistiron esta mañá ao Encontro Galego de Ciberseguridade, que dende o pasado mércores celebra a súa quinta edición no edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago. A delegación valguesa, que encabeza a responsable da Aula CeMIT, Vanessa Losada, partiu pasadas as dez da mañá do Auditorio Municipal rumbo a Compostela, onde están a participar nas diferentes actividades que ofrece este encontro, centrado na seguridade dixital.
A ciberdelincuencia é unha das principais ameazas do desenvolvemento tecnolóxico e sobre iso debatiron durante últimos días expertos e profesionais do sector, co obxectivo de poñer freo ás novas formas de delincuencia na rede, pero tamén de concienciar á cidadanía sobre o uso seguro das tecnoloxías, poñendo á súa disposición información e ferramentas para a súa seguridade.
Obradoiros, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais sobre a viralidade nas redes sociais ou concursos de ciberseguridade son algunhas das actividades que, nestes días, veñen desenvolvéndose no Gaiás, no marco deste encontro organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Nodo CIBER.gal, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Unha das actividades nas que participaron os usuarios valgueses foi Conecta Sénior, para coñecer de forma práctica e amena como aproveitar as novas tecnoloxías no seu día a día e claves para navegar por internet con seguridade e previr riscos dixitais.
Ao remate, puideron degustar uns aperitivos e participaron no sorteo de varios agasallos. Herminia Magariños e José Manuel Pérez gañaron unha tablet cada un e Santiago Rodríguez, unha mochila.








