- Os grupos infantil e de adultos representaron o conto “Non queremos perdices” e a comedia “Pronóstico reservado”
- As clases gratuítas para afeccionados á interpretación retomaranse no outono
Valga, 29 de maio de 2018.
A Escola Municipal de Teatro despediu a temporada o pasado domingo coa representación das obras “Non queremos perdices” e “Pronóstico reservado”. Un nutrido púlbico deuse cita no Auditorio Municipal para aplaudir aos actores afeccionados e comprobar a súa evolución durante o recén rematado curso.
Os primeiros en pisar o escenario foron os rapaces, que interpretaron “Non queremos perdices”, unha versión do conto de Cinsenta centrada en valores como a igualdade de xénero. Tomou o relevo a comedia “Pronóstico reservado”, a cargo dos adultos, unha historia que transcorreu nunha habitación de hospital cunha familia do máis peculiar, un enfermo que non o estaba tanto e agochaba un gran secreto e ata a intervención das forzas da orde.
A Escola Municipal de Teatro conta con máis dunha década de actividade. Dirixida nesta etapa por Manuel Solla Barragáns, as clases gratuítas para afeccionados á interpretación retomaranse no outono.