- A asociación Amigos do Belén xa traballa na montaxe da edición 2025/2026 e na creación de novas figuras
- O nacemento, xurdido en 1995 dun obradoiro, recibiu nas últimas edicións arredor de 45.000 visitas
Valga, 17 de outubro de 2025.
O Belén Artesanal en Movemento está de celebración. Cumpre trinta anos dende que, aló por 1995, un obradoiro de manualidades dera orixe á iniciativa comunitaria máis exitosa de cantas se desenvolven en Valga. As cifras falan por si soas, con máis de 45.000 visitas nas últimas edicións, e obxectivo é o de seguir medrando.
Con esa intención traballan xa no local de Campaña os membros da asociación Amigos do Belén, que este ano adiantaron o comezo dos labores porque tamén o fará a inauguración. O Belén 2025 estrearase o último domingo de novembro para dar máis marxe a que os visitantes poidan achegarse a Valga a descubrir as novas incorporacións ao nacemento. Os cambios serán notables con respecto ao ano pasado, posto que mudará o emprazamento dalgunhas das principais estructuras e construcións que forman parte da montaxe.
Ademais, coma sempre, exporanse novas figuras e esceas, algunhas con movemento e representando moitas delas a personaxes populares e de relevancia social e política ou acontecementos que marcaron a actualidade a nivel local, nacional e internacional durante os últimos meses. Este é o segredo máis prezado que gardan os artífices do Belén, para manter a incógnita ata o día da estrea.
Como é habitual, os membros de Amigos do Belén traballan divididos en grupos e seccións: dende a modelaxe e creación das figuras, ata a confección das roupas, construción de novas casas e construcións con madeira e pedra, montaxe eléctrica e ensamblaxe de motores e mecanismos para as esceas con movemento. Os traballos arrancaron a principios de mes.
Trala apertura do día 30 de novembro, o Belén Artesanal poderá visitarse ata o 11 de xaneiro, de luns a sábado en horario de tarde e os domingos tamén pola mañá. Fóra destes horarios, os grupos poden concertar cita a través do teléfono 630 95 25 15. De feito, xa son varios os colexios que teñen fixada data para achegarse a descubrir este mundo en minatura que é o símbolo do Nadal en Valga e que está declarado de Interese Turístico de Galicia.