Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Repartíronse dípticos advertindo das consecuencias do seu consumo no instituto, Centro de Saúde, Concello e Auditorio

- Os profesionais da unidade ofrecen axuda ás persoas que queiran deixar de fumar, con sesións personalizadas e individualizadas

tabaco

Valga, 29 de maio de 2018.

O programa de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas que o Concello de Valga comparte con Dodro, Padrón e Rois ten en marcha a campaña “Aposta pola saúde. Di non ao tabaco”, promovida con motivo do Día Mundial sen tabaco que se conmemora o xoves, 31 de maio.

A unidade de prevención levou a cabo nas últimas xornadas un reparto de carteis e dípticos no Centro de Saúde, no IES de Valga, no Auditorio Municipal e na Casa do Concello. Nos dípticos advírtese sobre os riscos e consecuencias do consumo desta droga estimulante do sistema nervioso central, que está relacionada coa aparición de 29 enfermidades, das que dez son diferentes tipos de cancro.

É a causa de máis do 90% dos casos de bronquite, do 95% dos cancros de pulmón e do 30% de todas as cardiopatías coronarias, entre outras doenzas. A Organización Mundial da Saúde considera ao tabaco como a primeira causa evitable de enfermidades, invalidez e morte prematura no mundo.

Estímase que en España morren anualmente 50.000 persoas máis por consumo de tabaco que por accidentes de tráfico e consumo de drogas ilegais xuntos. No mundo, causa cada ano máis de sete millóns de defuncións, das que 900.000 corresponden a fumadores pasivos, persoas non fumadoras que respiran fume de tabaco alleo.

O obxectivo desta campaña é previr o tabaquismo tratando, por unha parte, de evitar que as persoas actualmente non fumadoras se inicien no consumo e, por outra, axudar aos fumadores a rachar coa adicción. Neste sentido, o Programa de Prevención das Drogodependencias ofrece axuda ás persoas que queiran deixar de fumar. O teléfono ao que poden chamar é o 981 80 24 66.

Os profesionais da unidade valoran cada caso para ofrecer ao usuario unha atención personalizada. De ser un caso “simple” (sen máis adiccións e sen enfermidades asociadas), eles mesmos realizan a intervención, que consiste en sesións individualizadas nas que se establecen unha serie de pautas a seguir para acadar o obxectivo e se vai valorando a evolución. Os casos máis complexos, con persoas aqueixadas de enfermidades ou que comparten a adicción ao tabaco co consumo doutras substancias, derívanse a especialistas.

cartel dia mundial sen tabaco

Volver