Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Dezaseis mozos desempregados participaron neste proxecto e un deles xa conseguiu insertarse nunha empresa de Valga

- Os alcaldes dos tres proxectos promotores destacaron “o bo traballo” realizado polos alumnos, menores de 30 anos

ClausuraXovenesVMP1

Valga, 13 de outubro de 2025.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez, participaron esta mañá na clausura do Obradoiro de Emprego xuvenil que, promovido polos concellos de Valga, Moraña e Portas, formou a dezaseis mozos desempregados destes tres municipios nas profesións de albanelería e traballos forestais durante un período dun ano.

Tamén participaron neste acto o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; os alcaldes de Moraña e Portas, José Luis Gómez e Ricardo Martínez; e directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal. O programa contou cun financiamento da Xunta de Galicia de preto de 440.000 euros.

As autoridades destacaron nas súas intervencións o “bo traballo realizado” polo alumnado, que non só recibiu formación teórica, senón que ademais realizou obras de interese público. En Valga acometeron traballos de reparación dunha das antigas casas dos mestres de Baño e acondicionaron o edificio da Escola Taller. O módulo de forestais desenvolveu tarefas en áreas verdes e parques, incluíndo limpezas, rozas ou podas, entre outras.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade dos participantes, tendo en conta que estas son dúas profesións nas que a demanda de persoal cualificado é elevada. Deste xeito, as posibilidades de inserción dos alumnos, que agora contan cun certificado de profesionalidade, son máis altas. Como exemplo, un dos alumnos de forestais, que dende o mes de xullo se atopa xa traballando nunha empresa de Valga.

ClausuraXovenesVMP2 ClausuraXovenesVMP3

Volver