- O percorrido circular “Vistas do Ulla e afluentes” discorreu polas parroquias de Xanza, Setecoros e Valga
- Ademais da beleza da contorna, os camiñantes tamén puideron coñecer datos sobre a historia local, coma o lugar onde se librou a Batalla de Casal de Eirigo ou o punto no que, segundo algúns autores, está enterrado Prisciliano
Valga, 4 de outubro de 2025.
O programa “Goza do Ulla”, que trata de poñer en valor e promocionar o patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río, chegou este sábado a Valga coa ruta “Vistas do Ulla e afluentes”, que permitiu ás 110 persoas participantes achegarse a algunhas das paraxes máis fermosas do concello e a descubrir algunhas das xoias do patrimonio local.
A ruta, circular e duns doce quilómetros de lonxitude, discorreu polas parroquias de Xanza, Setecoros e Valga. O punto de partida foi o local social de Parafita e, dende alí, os camiñantes enfiaron en dirección á Capela da Saúde, lugar no que, en 1809, os veciños plantaron cara ao exército de Napoleón na coñecida coma Batalla de Casal de Eirigo.
A partir deste punto, a ruta adentrouse en zonas de monte e arborado nas que gozar da natureza ata desembocar no lugar dos Martores. Alí o grupo coñeceu a historia da Capela de San Mamede, cuxa orixe se remonta ao século IV. Na zona, segundo algúns autores, estaría enterrado Prisciliano, o primeiro condenado a morte pola Igrexa por herexía. Foi decapitado xunto a dous dos seus discípulos, coñecidos a partir de entón coma “os mártires”, termo do que derivaría o topónimo da aldea (Os Martores.
Nas inmediacións desde monumento estableceuse un punto de avituallamento no que os participantes puideron repoñer forzas con froita, bocadillos e auga.
Tralo pequeno parón, os sendeiristas continuaron avanzando en pleno contacto coa natureza ata a zona de Raxoi, accedendo dende alí á ruta das fervenzas do río Valga, o principal afluente do Ulla no noso municipio. Nesta zona de gran beleza, a auga, o bosque de ribeira e os muíños restaurados convértense en compañeiros de andaina, baixando dende a fervenza de Raxoi ata a de Parafita a través de pasarelas de madeira.
Dende este idílico entorno, emprendeuse o regreso ata o punto de orixe para poñer punto e final a camiñada.