- O alcalde e o presidente da Deputación asistiron ao levantamento da acta de replanteo desta actuación
- Nela invístense 902.000 euros, dos que 700.000 proceden do Plan Extra da entidade provincial
Valga, 3 de outubro de 2025.
A rexeneración da lagoa Porto Piñeiro adquire velocidade coa posta en marcha dunha nova obra: a construción da piscina, a rehabilitación e rexeneración dos noiros laterais e o acondicionamento dos terreos da zona norte, incluíndo mellora dos accesos, a instalación de sistemas de drenaxe e outros servizos e traballos de paisaxismo.
Investiranse nesta actuación 902.000 euros, cofinanciados entre o Concello e a Deputación. A entidade provincial destina 700.000 do Plan Extra, tal e como destacou hoxe o presidente, Luis López, que asistiu xunto ao alcalde, José María Bello Maneiro, ao levantamento da acta de replanteo. Neste acto participaron tamén os concelleiros Román Castro e Carmen Gómez, representantes da empresa adxudicataria, o director de obra e a arquitecta municipal, entre outros.
Será a segunda obra que dea inicio nesta fase do proxecto, que deu comezo a finais de agosto coa execución da praia artificial, cun orzamento de 575.000 euros dos fondos europeos Next Generation. Nas últimas semanas a zona experimentou un gran cambio co movemento de máis de 5.000 metros cúbicos de terra. A partir de agora as dúas obras desenvolveranse en paralelo e de forma coordinada e, ademais, está a piques de adxudicarse un terceiro proxecto de 615.000 euros tamén financiado pola Deputación a través do programa Pon2030. Trátase da continuación das sendas peonís e ciclables que bordearán todo o perímetro da lagoa.
Entre as tres actuacións suman máis de dous millóns de euros, que se engaden aos 870.000 xa investidos dende 2023, cando comezou o proceso de rexeneración desta antiga mina de extracción de arxila que aspira a converterse nun espazo de referencia para o ocio e o turismo na zona, ao igual que xa o fixo a lagoa “xemelga” de Mina Mercedes. Dous exemplos de como espazos degradados pola actividade mineira poden recuperarse para o uso público.
"Esta actuación vai a converter a Lagoa de Porto Piñeiro nun referente desde o punto de vista medioambiental e social. É un proxecto estratéxico para Valga e para a provincia", salientou o presidente da Deputación.
O alcalde, pola súa parte, lembrou que o proxecto completo de recuperación deste espazo está valorado nun total de 14 millóns de euros que se irán executando por fases e para o que é imprescindible a colaboración doutras institucións.
Os dous mandatarios en valor a importancia da cooperación entre administracións para executar proxectos tan complexos e transformadores como o que se está a executar en Porto Piñeiro.