Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Percorreron as instalacións que a factoría de extrusión de aluminio ten en Campaña e, ademais, cubriron solicitudes de emprego

- Traballos forestais e albanelería son os oficios que están a aprender os participantes no proxecto, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade

ObradoiroExtrugasa1

Valga, 26 de setembro de 2025.

Os dezaseis alumnos que están a participar no Obradoiro de Emprego Xóvenes, que o Concello de Valga comparte con Moraña e Portas, participaron esta semana nunha visita formativa á empresa local Extrugasa, para coñecer por dentro o funcionamento desta factoría dedicada á extrusión de perfís de aluminio e ao desenvolvemento de solucións para sectores relacionados coa edificación e a industria. O alumnado estivo acompañado polos docentes das especialidades de albanelería e forestais, pola administrativa e pola directora do Obradoiro.

Durante a visita guiada á factoría situada en Campaña, os aprendices coñeceron máis polo miúdo o proceso de produción que segue a empresa e as diferentes fases do extrusionado do aluminio. A media anual de aluminio extruído en Extrugasa chega ás 40.000 toneladas e o seu equipo está formado por máis de 700 persoas. Estas cifras convértena nunha das principais industrias de Valga e tendo presenza en máis de 60 países.

Trala visita, os alumnos cubriron a folla de solicitude de traballo da empresa, que acompañaron cos currículos que prepararon durante o período formativo no Obradoiro. Dende a dirección do programa, e de forma conxunta cos departamentos de Emprego dos concellos de Valga, Moraña e Portas, estase a traballar na futura inserción laboral do alumnado, mantendo contactos con diferentes empresas da comarca e facéndolles chegar os currículos dos aprendices.

Este obradoiro xuvenil, que deu comezo en novembro de 2024 e ten unha duración dun ano, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027.

ObradoiroExtrugasa2

Volver