- O ciclo, con formación simultánea no instituto e en empresas, púxose en marcha a comezos deste curso
- As novas condicións que se plantexan tratan de incentivar o interese e a matriculación do alumnado
Valga, 28 de maio de 2018.
O Concello e máis o IES de Valga están a xestionar ante a Consellería de Educación a ampliación do ciclo medio de Soldadura e Caldeirería que, na modalidade de formación dual, se imparte de xeito simultáneo no centro educativo e en empresas do municipio e da contorna dende comezos deste curso.
O acordo asinado no seu día pola Xunta, o IES e as empresas participantes establecía unha duración de dous anos para este ciclo, que agora se quere incrementar coa entrada dun novo grupo de alumnos en 1º curso a partir de setembro. Estanse a producir conversas coa Consellería de Educación e tamén coas empresas para asinar un novo convenio no que, ademais, poderían introducirse modificacións para incentivar o interese e a matriculación do alumnado.
A FP Dual permite a unión de forzas e sinerxias entre empresas e centros educativos, fomentando a participación mais activa das primeiras no propio proceso formativo do alumnado, permitindo que a formación que estes reciben se adapte cada vez mais ás demandas dos sectores produtivos e favorecendo a inserción dos estudantes no mundo laboral. Desta maneira, os alumnos reciben formación teórica no IES ao tempo que realizan prácticas nas empresas e perciben, por elas, unha retribución económica.
Este ciclo medio de Soldadura e Caldeirería non é a primeira experiencia de FP Dual que se leva a cabo no IES de Valga. Anteriormente, o instituto e cinco empresas do sector metalúrxico da contorna xa impartiron un Ciclo de Grao Superior de Construcións Metálicas con resultados satisfactorios tanto para o alumnado como para os empresarios.
Para a Concellería de Educación e o goberno local a formación dual tense confirmado como un fórmula idónea para que o alumnado entre en contacto co mundo laboral e que aumenten as posibilidades dos mozos valgueses de atopar un emprego. Motivo polo que está a colaborar co IES nas xestións a realizar ante a Consellería de Educación para reforzar este tipo de proxectos educativos.