Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A directora xeral de Formación da Xunta e os alcaldes de Valga, Portas e Moraña clausuraron este mediodía o programa formativo

- Entre as obras executadas polo alumnado atópanse a renovación do pantalán de Vilarello ou o acondicionamento da zona das telleiras

ClausuraObradoiroUU25 1

Valga, 8 de setembro de 2025.

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, clausurou esta mañá o Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, promovido polos concellos de Valga, Moraña e Portas, un programa no que participaron un total de vinte persoas desempregadas das tres localidades, que recibiron nove meses de formación, tanto en sesións teóricas coma en accións prácticas, nas especialidades de carpintería e traballos forestais.

O acto tivo lugar no Auditorio Municipal e nel participaron tamén o delegado territorial da Xunta, Agustín Ocampo; o director territorial da Consellería de Emprego, José Antonio Rodríguez Fachado; o alcalde, José María Bello Maneiro; os seus homólogos de Moraña e Portas, José Luis Gómez e Ricardo Martínez; e o director do Obradoiro, Francisco Gómez.

Bello Maneiro transmitiu a todos os participantes e ao equipo directivo e docente as felicitacións porque “foi un Obradoiro que funcionou ben e espero que, do mesmo xeito, os resultados para o alumnado sexan positivos e consigades insertarvos laboralmente por contra allea, en empresas de Valga ou da bisbarra, ou por conta propia, para o que contades con axudas da Xunta de Galicia”, salientou. O rexedor agradeceu á administración autonómica a súa aportación de máis de 410.000 euros para desenvolver este proxecto que, doutro xeito, “sería inviable”.

Os alcaldes puxeron en valor a colaboración institucional que lles permitiu aos tres concellos sacar adiante esta e outras accións formativas (coma o Obradoiro xuvenil que aínda está en marcha con outros 16 aprendices), que benefician tanto aos participantes coma á comunidade, a través das obras que se levan a cabo. No caso de Valga, nestes últimos nove meses os alumnos de carpintería arranxaron o pantalán da praia fluvial de Vilarello, renovaron parte da varanda de madeira da contorna da igrexa de Cordeiro, instalaron contraventás na igrexa de Campaña, acondicionaron parques e dotáronos de mobiliario e instalaron a cadeira-mirador na Mina Mercedes.

Na especialidade de traballos forestais, executáronse rozas e podas en áreas naturais coma a Mina Mercedes, Porto Piñeiro ou o parque Irmáns Dios Mosquera, mediante medios manuais e mecánicos. Tamén realizaron prácticas co tractor. Outra das accións que executaron foi o acondicionamento da zona das telleiras, en Vilar.

Zeltia Lado foi a encargada de pechar o acto, salientando “a repercusión que estas obras terán na contorna” e desexando aos participantes éxitos no ámbito profesional, tendo en conta que “a vosa cualificación está agora recoñecida por un certificado de profesionalidade válido en todo o Estado ” que lles será de axuda á hora de insertarse.

ClausuraObradoiroUU25 2 ClausuraObradoiroUU25 3

 

Volver