- O Grupo de Emerxencias mobilizou a cinco efectivos e dous vehículos, aos que se sumaron dous voluntarios de Protección Civil
- Os medios de extinción chegaron ao IES en pouco máis de tres minutos
Valga, 26 de maio de 2018.
O Grupo de Emerxencias mobilizou onte a cinco efectivos e dous vehículos –unha autobomba forestal e un vehículo de primeira intervención- para o simulacro de incendio que se realizou no IES de Valga e no que participaron tamén dous voluntarios da agrupación de Protección Civil.
Tras declararse un incendio nos baños da terceira planta, os arredor de trescentos alumnos evacuaron o instituto nun tempo de 4:46 minutos. Os primeiros en saír ao patio tardaron 58 segundos dende que se activou a alarma de incendios, aínda que o fixeron a correr cando o que se recomenda é un desaloxo ordenado e por grupos encabezados polos respectivos mestres. Estes terán que encargarse de facer o reconto para asegurarse de que todos están a salvo e non quedan posibles vítimas dentro do edificio.
Os servizos de emerxencias chegaron ao recinto do IES cos medios precisos para extinguir o incendio en pouco máis de tres minutos. Montaron un tendido urbano con mangueira de 45 centímetros de diámetro, cunha bifurcación a 25 e unha liña de proteción con cortina máis outra de extinción.
Unha vez apagado o lume, realizaron unha medición de gases cun explosímetro, que detecta os niveis de osíxeno, dióxido de carbono e nitróxeno.
Ademais de no instituto, esta semana realizouse tamén un simulacro de evacuación na Escola Infantil Municipal.