Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Tratouse dunha visita complementaria á formación teórica e práctica que están a recibir

- O obradoiro, no que participan vinte desempregados de Valga e Moraña, deu comezo en outubro do ano pasado e prolongarase ata o mes de xullo

finsaa

Valga, 24 de maio de 2018.

Os dez alumnos da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia II, que comparten os concellos de Valga e Moraña, participaron nunha visita formativa á fábrica que a empresa Finsa ten en Padrón. Estiveron acompañados por un docente do módulo e a directora do Obradoiro.

Tratouse dunha visita guiada na que se explicou ao alumnado a fabricación dos diferentes taboleiros de madeira aglomerados, melamínicos, mdf e as diferentes solucións construtivas a medida das necesidades do cliente. Así, puideron ver como é o proceso de fabricación da madeira que empregan na formación práctica e de obra, o aproveitamento que fan da madeira e o tratamento dos residuos para caldeiras de biomasa que producen a enerxía precisa para o proceso de fabricación.

O obradoiro de emprego Ulla-Umia II deu comezo a mediados de outubro de 2017 e prolongarase ata o mes de xullo coa participación de dez desempregados de Moraña e outros tantos de Valga. Os vinte alumnos, quince mulleres e cinco homes, estanse a formar nas especialidades de albanelería e carpintería por un período de nove meses durante o que perciben o salario mínimo interprofesional. A Xunta de Galicia aporta 279.959 euros para financiar esta acción formativa, mentres que as dúas administracións locais sufragan os materiais para as obras que os alumnos levan a cabo nos respectivos municipios.

En Valga, o alumnado de albanelería acometeu traballos de distribución e acondicionamento do interior do edificio de usos administrativos que o Concello está a construír na praza Manuel Vicente Cousiño. O módulo de carpintería encargouse de preparar a madeira para os falsos teitos e portas do inmoble e fabricará mobiliario urbano para instalar en distintos lugares do municipio.

finsaa

Volver