Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

Os traballos céntranse estes días na fachada do inmoble, sometida a limpeza, accións de reparación e pintado

O alcalde e a directora do Obradoiro comprobaron o avance das actuacións de destacaron “o bo facer do alumnado”

ObraEscolaTaller1

Valga, 27 de agosto de 2025.

Os aprendices que participan no Obradoiro de Emprego xuvenil dos concellos de Valga, Moraña e Portas están de novo realizando obras na nosa localidade e, nas últimas xornadas, deron un pulo ao acondicionamento do edificio da Escola Taller, un proxecto  no que veñen traballando dende o comezo da súa formación.

En concreto, son os oito alumnos de albanelería os que están a realizar esta actuación, que agora se atopa nunha fase exterior para o arranxo da fachada. Isto inclúe a retirada de canlóns baixantes deterioradas, tratamento de paredes e enfoscado das mesmas para reparar fendas, limpeza con máquina hidrolimpadora e posterior pintado.

Ademais, no interior do inmoble, situado no lugar do Forno, continúan os traballos de colocación do novo piso en corredores e almacéns, así coma o pintado de diferentes espazos.

O alcalde, José María Bello Maneiro, realizou unha visita á obra, acompañado pola directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, que destacou o avance experimentado nesta obra grazas “ao bo facer do alumnado”.

O obxectivo deste programa formativo, é o que os participantes adquiran coñecementos teóricos e experiencia práctica nos dous oficios que se imparten (albanelería e traballos forestais), para así mellorar a súa empregabilidade.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes, que está a formar a un total de dezaseis persoas, é cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027.

ObraEscolaTaller2          ObraEscolaTaller3

Volver