Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Unhas empanadiñas doces tradicionais da cociña coreana foron a elaboración estrela do showcooking “Universo anguía”

- O chef lalinense será tamén o encargado de preparar catro das cinco tapas que poderán degustarse o sábado na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

UniversoAnguía25 1

Valga, 27 de agosto de 2025.

O “Agosto Gastronómico” 2025 baixou onte a persiana cunha sesión de cociña en vivo dedicada por completo á anguía, un produto que segue a sorprender. E que maior sorpresa ca unha sobremesa doce de anguía. Ese foi o prato estrela que presentou o chef Álex Iglesias e co que deixou abraiados aos comensais do showcooking, unha trintena de persoas amantes deste peixe do Ulla.

Pero, antes do sabor doce, a demostración culinaria arrancou con varios pratos salgados nos que a anguía brillou en diferentes coccións, con distintas combinacións de ingredientes e en presentacións dispares. Para abrir boca serviuse unha anguía afumada sobre arroz cremoso de queixo da DOP Cebreiro. A técnica do afumado non adoita aplicarse á anguía en Galicia, pero si é moi apreciada noutras cociñas coma a asiática ou a italiana. Con ela non só se aumenta o tempo de conservación do produto, senón que o fume traspásalle un sabor e aromas característicos.

Álex Iglesias explicou aos participantes na actividade como afumar anguía ao estilo tradicional: nun fumeiro, con leña de carballo e imprimíndolle aromas con loureiro ou romeu. Pero tamén comentou unha técnica para facelo nunha cociña moderna, tan só cunha pota vella e un coadoiro metálico.

A anguía afumada, combinada con outra cocida ao natural, tamén se empregarse na elaboración do segundo prato da noite: tacos ao estilo asiático, nos que o peixe se acompañaba con col lombarda, cilantro, sésamo e unha maionesa de wasabi.

A caña do país tivo o seu pequeno espazo neste showcooking, co cociñado dunha anguía ao forno glaseada con augardente tostada. O toque final a este prato chegou da man do Mel de Galicia, mantendo así un dos obxectivos desta edición do “Agosto Gastronómico”, que non era outro que conxugar anguía e caña con produtos galegos con selo de calidade.

E o colofón non puido ser máis orixinal, xa que por vez primeira se elaborou no “Agosto Gastronómico” unha sobremesa con anguía. Foron unhas empanadiñas doces típicas da cociña coreana nas que a anguía pode introducirse en diferentes coccións: afumada ou caramelizada. O recheo, ademais, incorpora azucre moreno, canela, mel e noces picadas”. O resultado non deixou indiferente a ninguén.

Con esta receita Álex Iglesias puxo o broche de ouro ás actividades gastronómicas deste mes de agosto. O cociñeiro lalinense será tamén o encargado de elaborar catro das tapas que poderán degustarse o vindeiro sábado no Parque Irmáns Dios Mosquera, no día grande da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

UniversoAnguía25 2 UniversoAnguía25 3

Volver