- Catro cócteis de autor preparados por Álex Iglesias demostraron que a augardente tradicional ofrece máis opcións que o chopo de sobremesa
- Os licores branco, de herbas e tostado combinaron con ingredientes coma Mel de Galicia, zumes de varias froitas e xaropes
Valga, 24 de agosto de 2025.
Ao falar da caña do país, nas súas distintas variedades, é frecuente pensar nela como acompañamento do café, coma chopo de sobremesa ou en queimada, pero este licor ofrece moitas máis opcións e así o comprobaron onte os asistentes ao showcooking “Moito máis que caña”, unha sesión de coctelería na que Álex Iglesias preparou catro combinados de autor empregando caña branca, de herbas e tostada.
Trinta persoas puideron degustar os cócteis, comezando polo denominado “Tostada Sour”, unha versión do clásico “Whisky Sour” na que os sabores afumados e doces da caña tostada se equilibran coa acidez do zume de limón e a dozura do xarope de azucre. Como ingrediente opcional tamén pode incorporarse clara de ovo para emulsionar.
Outras das preparacións coas que Álex Iglesias sorprendeu aos asistentes foron “Laranxa da terra”, con caña branca zume de laranxa natural e mel, ou “Mel e lume”, un cóctel quente de caña tostada, con mel e canela. Nestes dous combinados empregouse Mel de Galicia con selo de calidade, seguindo coa iniciativa do Agosto Gastronómico 2025 de fusionar a anguía e a caña do país con outros produtos galegos con Denominación de Orixe ou de Indicacións Xeográficas Protexidas. Esta acción lévase a cabo coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria.
A sesión de coctelería tivo como colofón o “Verde galego” no que ingredientes coma o zume de mazá verde, a lima natural ou o xarope de menta se mesturan con caña de herbas dando como resultado unha bebida fresca e afroitada.
Os showcookins continúan o vindeiro martes, día 26, coa actividade “Universo anguía”, na que se elaborarán catro receitas con este peixe do Ulla e para a que xa están todas as prazas cubertas.
Estas actividades son gratuítas pero solidarias, polo que para asistir cada persoa ten que aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao departamento municipal de Servizos Sociais para repartir entre as familias de Valga máis desfavorecidas.