- Os establecementos son Caprichos, Maneiro, Pontellón, Couceiro, Pardal, Pirata, Auditorio e Vilarello Paradise
- Entre as persoas que voten polo mellor petisco sortearanse dez vales de compra de 30 euros
Valga, 23 de agosto de 2025.
A Ruta-Concurso Tapa a Anguía, que cumpre a súa duodécima edición, está xa en marcha cun total de oito establecementos de hostalería participantes. Neles sérvense dende hoxe, e durante dúas fins de semana consecutivas, tapas de anguía gratuítas coas consumicións no seguinte horario: os sábados de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 15:00.
Os locais e os seus respectivos petiscos son os seguintes:
• Bar Pardal - Anguía entre caña: Anguía crocante cun toque de caña tostada e unha salsa de pementos de Padrón.
• Pastelería Caprichos - A anguía máis croqueta: Croqueta de anguía con crocante da súa pel sobre parmentier de pataca e queixo.
• Bar Maneiro. Angui Churry: Empanada de anguía con mexillón e gamba en tempura.
• Vilarello Paradise. Doce de anguía: Mini tosta de cebola caremelizada e anguía frita.
• Café- Bar O Pontellón. Bombón Pontellón: Croqueta de anguía rebozada en pasta kataife sobre chutney de mazá.
• Café-Bar Couceiro. Anguía ao Bar-Co: Anguía ao forno nunha base de cachelos en salsa unagi, decorada cunha bandeira de bacon.
• Cafetería Auditorio. Ai Maruxiña: Anguía ao allo con garavanzos e cogomelos.
• Café-Pub Pirata. Shushi Pirata: Presentación de sushi nigiri e uramaki de anguía ao estilo Pirata.
En todas estas elaboracións a anguía é o produto estrela, quedando unha vez máis patente as múltiples posibilidades que ofrece en canto á forma de cocción, á combinación con outros ingredientes ou na presentación, podendo introducirse tanto en receitas tradicionais como en propostas máis vangardistas.
Durante esta primeira fin de semana celebrarase a parte de concurso, na que se pode votar pola mellor tapa e entrar no sorteo de 10 vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local. Para iso hai que reunir os selos dos diferentes establecementos e depositar as papeletas nas urnas habilitadas en cada un deles. Con estes votos outorgaranse tres premios a outros tantos locais: os Mandís de Ouro, Prata e Bronce.
Ademais, haberá un xurado profesional que outorgará un único premio. A que elixan como mellor tapa da ruta poderá degustarse na Festa da Anguía de 2026.
Os días 30 e 31 serán unicamente de degustación.