Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Alumnado de FP construiu, coa colaboración da empresa Gama e Hijos, unha maqueta mediante impresión 3D

- O galardón leva parella unha gratificación de 5.950 euros

innovación IES

Valga, 25 de maio de 2018.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria outorgou ao IES de Valga un dos premios aos proxectos de innovación tecnolóxica ou didáctica no ámbito da Formación Profesional en centros públicos. O instituto valgués desenvolveu o proxecto “Construción dunha maqueta de nave industrial mediante impresión 3D” coa colaboración da empresa local Gama e Hijos S.L. A concesión do premio, que foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, leva parella unha gratificación económica de 5.950 euros para o centro.

Estes premios son convocados pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e o seu obxectivo é impulsar proxectos innovadores no ámbito da formación profesional, valorando especialmente as inicativas nas que se fomente a colaboración do profesorado e alumnado do centro con empresas e institucións do seu contorno e que impliquen unha mellora na calidade da formación, na empregabilidade e na inserción laboral do alumnado, favorecendo o emprendemente e a aparición de novos proxectos empresariais.

Este foi o primeiro ano que o IES de Valga concorreu a estes galardóns e fíxoo na modalidade B, á que podían presentarse proxectos orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, prototipos ou maquetas. “O premio dá visibilidade ao noso instituto”, sinala o director, Roberto Barral.

O equipo de goberno xa transmitiu os parabéns á dirección, equipo docente e alumnado do centro por acadar este premio. Fíxoo a través do alcalde, José María Bello Maneiro, durante o acto de graduación que onte tivo lugar no Auditorio. “É un orgullo para Valga que o noso instituto reciba este recoñecemento, que é froito do bo traballo de toda a comunidade educativa”, dixo o rexedor que foi agasallado cun lapiseiro feito, precisamente, con impresión 3D.

Volver