Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O certame contou con catro participantes que presentaron elaboracións moi diferentes: dende pratos tradicionais a outros máis innovadores

- Este domingo continúan as actividades do Agosto Gastronómico, cunha sesión de coctelería

AnguíaChef25 1

Valga, 22 de agosto de 2025.
O concurso “Anguía Chef”, convocado dentro das actividades do Agosto Gastronómico en busca da mellor receita de anguía xa ten gañador: o cesureño Jorge Oliveira Riveiro, veciño do lugar de Carreiras, que presentou un espeto de anguía bañado cun xarope de caña tostada e menta. O prato sorprendeu non só polo método elixido para cociñar a anguía, á brasa, senón tamén pola súa presentación: sobre un soporte de madeira con carbón.

O chef Álex Iglesias, que foi o encargado de valorar as receitas presentadas tendo en conta o seu sabor, elaboración, presentación e orixinalidade, outorgoulle un total de 29 puntos. Jorge Oliveira recibirá o seu premio o vindeiro 30 de agosto durante os actos da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O certame estivo moi disputado xa que ningún dos catro pratos presentados baixou dos 27 puntos. No que si houbo diferencias foi no tipo de receitas. Algunhas tradicionais, coma a empanada galega de anguía da valguesa Inés Nieves, veciña do Sixto, feita con fariña de millo e que incorporaba, como ingrediente sorpresa, alga deshidratada.

Outras das propostas foron máis novidosas, coma as de Pablo Quintáns, veciño de Baño, e Sonia Carbia, de Pontecesures. O primeiro participou cunha crema de fría de améndoa con anguía cociñada a baixa temperatura e rematada na prancha. Sonia Carbia, pola súa parte, presentou unha “Anguía negra” á cazola, á que lle deu color con tinta de calamar e que acompañou de cuscús. A receita incorporaba tamén caña tostada para obter un sabor máis intenso.

O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu á presentación das receitas, que tivo lugar esta tarde no Centro de Interpretación da Caña do País.

As actividades do Agosto Gastronómico continúan este domingo, ás 13:00 horas, cun novo showcooking no que Álex Iglesias preparará catro combinados de autor empregando caña do país nas súas distintas variedades.

AnguíaChef25 2 AnguíaChef25 3 

Volver