- O investimento realizado ascende a 110.897 euros, que se financian cunha subvención da Deputación Provincial
- En fases anteriores xa se actuara sobre a cuberta e o sistema de climatización e colocouse unha nova pista de linóleo
Valga, 21 de agosto de 2025.
As melloras executadas durante os últimos meses no pavillón municipal de Baño, e que incluíron melloras na recollida de augas e drenaxe, nos aseos e na carpintería exterior, remataron nas últimas datas e a actividade deportiva xa regresou ao recinto coa práctica de actividades coma, por exemplo, patinaxe.
Investíronse 110.900 euros do Plan Extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación Provincial, cos que se levaron a cabo os seguintes traballos:
- Recubriuse a fachada traseira con paneis sandwich para mellorar o illamento e evitar filtracións.
- Melloráronse a recollida de augas pluviais, coa instalación de novos canlóns, e a drenaxe no exterior do recinto.
- Arranxáronse os aseos, nos que se renovou por completo a instalación de fontanería, instaláronse novos sanitarios, grifería, duchas e lavabos con mesados que correron por conta do Concello.
- Acondicionouse un baño para persoas con mobilidade reducida, cun inodoro con barras de apoio a ambos lados, lavabo suspendido e grifo monomando.
Ademais, tamén se renovou parte da carpintería de aluminio exterior con:
- Catro portas practicables de aluminio de dúas follas e apertura cara ao exterior. Dúas de dimensións 1'6x2'4 metros, outra de 1'7x2'4 e a cuarta de 1'6x2'3.
- Oito ventas practicables dunha folla e de dimensións 1'0x2'4 metros (dúas con fixo inferior e as outras seis con partes fixas tanto arriba coma abaixo).
- Dúas fiestras fixas.
- Catorce pequenas ventas.
Trátase de carpintería con dobre acristalamento e con rotura de ponte térmica, un sistema que ofrece vantaxes coma a mellora do illamento, evita a condensación e contribúe ao aforro enerxético.
Este pavillón deportivo, que está a piques de cumprir trinta anos de antigüidade, conta cunha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados, repartidos entre a pista polideportiva, os vestiarios, aseos e gradas. Nel practícanse disciplinas coma fútbol sala, baloncesto, tenis, patinaxe ou judo e realízanse actividades educativas e de carácter cultural.
O recinto leva varios meses sometido a traballos de renovación e acondicionamento. En fases anteriores actuouse sobre a cuberta, mellorouse o sistema de climatización e colocouse unha nova pista de linóleo.