- Trinta e cinco persoas asistiron no Parque Dios Mosquera ao duelo entre os chefs do programa “A voltas co prato”
- A degustación incluíu maridaxe con viños da adega valguesa Castellum Augusti, da IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria
Valga, 20 de agosto de 2025.
A batalla culinaria que onte á tarde protagonizaron os chefs Coque Fariña e Xoanqui Ameixeiras, do programa da TVG “A voltas co prato”, rematou con dous claros vencedores: a anguía e a caña do país, que se amosaron coma dous produtos versátiles que poden empregarse en receitas moi dispares e acompañados dos ingredientes máis insospeitados.
E, para mostra, os catro pratos que os dous cociñeiros prepararon no Parque Irmáns Dios Mosquera, nun duelo que contou con 35 persoas asistentes que presenciaron as elaboracións e tamén as degustaron. O banquete abriuse cunha adaptación da vichyssoise, unha crema fría tradicional da cociña francesa, que neste caso tiña como ingrediente principal anguía e as súas espiñas. A outra receita cociñada con este peixe do Ulla foi un arroz en paella, con anguía e cogomelos.
Despois, a que adquiriu o protagonismo foi a caña do país, que se presentou noutras dúas elaboracións: un estufado de tenreira en salsa de caña de herbas e acompañado de cuscús e unha sobremesa. O prato doce co que se pechou a demostración de cociña en vivo foi unha crema de sobaos pasiegos e caña tostada con toffe de mel, que sorprendeu principalmente pola súa presentación, acompañado dunha galleta con forma de espiña de anguía.
Neste showcooking, ao igual que no resto de actividades do Agosto Gastronómico e co apoio da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, empregáronse, ademais da anguía e da caña, outros produtos galegos con selo de calidade. Neste caso foron de Mel de Galicia e viños da adega valguesa Castellum Augusti, da IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria, cos que se realizou a maridaxe do menú. Serviuse, en concreto o albariño que leva o mesmo nome que a adega, que destaca polo seu aroma a froitas, cítricos e herbas silvestres.
Tamén tiveron presenza na sesión culinaria produtos de La Fabulosa, en concreto un viño espumoso e un vermú que se serviron para recibir aos comensais.
Os showcookins continúan o vindeiro domingo, día 24, cunha sesión de coctelería na que Álex Iglesias preparará catro combinados con distintas variedades de caña do país. As prazas xa están cubertas.
Todas as actividades do Agosto Gastronómico son gratuítas pero solidarias, polo que para asistir cada persoa ten que aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao departamento municipal de Servizos Sociais para repartir entre as familias máis desfavorecidas.