Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A festa celébrase o día 30 de agosto, pero as actividades culturais, gastronómicas e lúdicas xa están en marcha

- Xerardo Pereiro, gañador do premio de investigación Ferro Couselo, será o pregoeiro

LOGOANGUIA2025

Valga, 19 de agosto de 2025.

Valga entra de cheo nas semanas principais da XXXV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, nas que as actividades para enxalzar estes dous produtos se multiplican, con propostas culturais, lúdicas e gastronómicas dirixidas tanto a veciños coma a visitantes.

O día grande da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, terá lugar o sábado 30 de agosto, co Parque Irmáns Dios Mosquera como centro neurálxico das actividades. Os asistentes poderán degustar 1.000 tapas de anguía en cinco receitas diferentes: catro elaboradas polo cociñeiro Álex Iglesias e a quinta cociñada polo bar O Pontellón, que foi o gañador do primeiro premio da última edición da ruta “Tapa a Anguía” co petisco “Do río ao prato, pasando pola leira”: unha crema de grelos con anguía rebozada en panko sobre pan negro con toque picante.

Precisamente a ruta “Tapa a Anguía”, que cumpre a súa duodécima edición, será outra das alternativas para degustar este exquisito peixe. Participan Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Café Pub Pirata, O Pontellón Café-Bar e Vilarello Paradise, que servirán os petiscos de forma gratuíta coas consumicións os sábados 23 e 30 de agosto de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas e os domingos 24 e 31 de agosto de 12:00 a 15:00.

En canto á augardente, as persoas que se acheguen na noite do día 30 ao Parque Irmás Dios Mosquera poderán adquirir ata catro variedades de cócteis elaborados con caña branca, de herbas e tostada. Ademais, no Centro de Interpretación da Caña terá lugar a demostración de destilado tradicional da augardente a cargo de dous cañeiros de Valga, na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas. E, a medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación.

Para os máis cativos, na tarde do sábado 30 celebrarase unha gran festa infantil con inchables para diferentes idades, obradoiros de maquillaxe, tatuaxes e de elaboración de imáns con materiais de refugallo, e festa da escuma.

Outro dos actos relevantes da xornada central será a entrega de premios do Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso para elixir o cartel anunciador da festa, mellores tapas e gañadores dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”. O pregón da festa correrá a cargo de Xerardo Pereiro, gañador da edición de 2024 do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.

No apartado musical, está previsto un concerto da Banda Municipal de Valga, a actuación de Monoulious DOP, do grupo arxentino Ráfaga e da orquestra Charleston Big Band. O fin de festa correrá a cargo do DJ Cristian Álvarez.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Dende o luns, 18 de agosto:

- Exposición dos carteis presentados ao Concurso para elixir o cartel anunciador da festa. Na Casa do Concello.

Martes, 19 de agosto:

- 21:00 horas: Showcooking “Menudo Par. Anguía + Caña” a cargo dos chefs Xoanqui Ameixeiras e Coque Fariña, no Parque Irmáns Dios Mosquera. Inscrición previa imprescindible.

Venres, 22 de agosto:

- 20:00 horas: Concurso “Anguía Chef”, no Centro de Interpretación da Caña do País. Concurso de pratos elaborados con anguía. Os participantes, previa inscrición, deberán presentar as súas receitas, que serán degustadas e valoradas por un xurado.

Sábado, 23 de agosto:

- Pola mañá: Visita do xurado aos lugares participantes no concurso Embelecer Valga.

- De 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas: XII Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” coa participación dos establecementos Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Café Pub Pirata, O Pontellón Café-Bar e Vilarello Paradise.

Domingo, 24 de agosto:

- De 12:00 a 15:00 horas: XII Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” coa participación dos establecementos Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Café Pub Pirata, O Pontellón Café-Bar e Vilarello Paradise.

- 13:00 horas: Demostración de coctelería “Moito máis que caña” a cargo de Álex Iglesias, no Centro de Interpretación da Caña do País. Inscrición previa imprescindible.

Martes, 26 de agosto:

- 21:00 horas: Showcooking “Universo Anguía”  a cargo do chef Álex Iglesias, no Centro de Interpretación da Caña. Inscrición previa imprescindible.

Xoves, 28 de agosto:

- 20:00 horas: Precata do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña

- A continuación: sorteo dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”

Venres, 29 de agosto:

- 20:00 horas: Presentación da botella conmemorativa da XXXV Mostra da Caña do País.

- 20:15 horas: Cata final do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña.

- 21:30 horas: Actuación a cargo do grupo Quinkillada, no Parque Irmáns Dios Mosquera.

Sábado, 30 de agosto:

- De 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas. XII Ruta-Concurso “Tapa a Anguía coa participación dos establecementos Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Café Pub Pirata, O Pontellón Café-Bar e Vilarello Paradise.

- 16:30 horas: Festa infanfil no Parque Irmáns Dios Mosquera

- 17:00 horas: Demostración de destilado de caña do país no Centro de Interpretación da Caña

- 19:00 horas: Recepción de Autoridades na Casa do Concello

- 20:00 horas: Pregón a cargo Xerardo Pereiro (gañador do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, na edición de 2024)

- 20:30 horas: Entrega de premios aos gañadores dos concursos Anguía Chef, Caña do País, Embelecer Valga, cartel anunciador, tapas gañadoras da  Ruta-Concurso Tapa a Anguía e vales de compra.

- 21:00 horas: Actuación da Banda de Música Municipal de Valga.

- 21:30 horas: Degustación de tapas de anguía e cócteis feitos con caña do país.

- 22:00 horas: Actuación do grupo Monoulious DOP

- 00:00 horas: Queimada popular con conxuro teatralizado a cargo de Troula Animación.

- 00:30 horas: Espectáculo de fogos e luces.

- Actuación do grupo Ráfaga e da orquestra Charleston Big Band

- Peche de festa a cargo do DJ Cristian Álvarez

Domingo, 31 de agosto:

- De 12:00 a 15:00 horas: XII Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” coa participación dos establecementos Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Café-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Café Pub Pirata, O Pontellón Café-Bar e Vilarello Paradise.

CartelAnguíaCaña2025

 

Volver